Os obradoiros que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria terán unha duración de seis meses
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, financiará este ano un total de 4 obradoiros de emprego en concellos da contorna de Ferrol. Para elo, investirá preto de 700.000 de euros que servirán para dar formación a 80 persoas.
A achega da Xunta a cada obradoiro de emprego que se poña en marcha é de 180.000 euros, mentres que para os específicos de garantía xuvenil o financiamento por parte do goberno autonómico sitúase en torno aos 130.000 euros.
Como xa sucedera nos últimos anos, a maior parte dos municipios presentaron proxectos conxuntos e, así,os concellos de Ares, Fene, Cabanas, Mugardos e Neda porán en marcha unha nova edición do seu programa Reinicia, mentres que Cabanas, Pontedeume e Monfero formarán a un total de 20 persoas desempregadas no seu proxecto Eume Emprende II.
Os obradoiros de emprego, que acollen a 10 alumnos por especialidade, son programas mixtos de formación e emprego que contan con numerosas vantaxes. En primeiro lugar, a posibilidade de acceder a un posto de traballo. Así mesmo, ofrece unha formación teórica e práctica de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional que contribúe á mellora da súa empregabilidade. Este tipo de iniciativas abre un importante espazo de colaboración cos concellos no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización de recursos, co obxectivo de orientar adecuadamente os esforzos. Ademais, os obradoiros están vinculados á realización de obras e servizos de interese para a comunidade.
Impulso ao emprego xuvenil
Ademais, a Xunta de Galicia tamén lle concedeu ao Concello de Ferrol o obradoiro de emprego, na modalidade de garantía xuvenil, denominado Senda da Natureza, no que 15 alumnos poderán formarse nas especialidades de guía por itinerarios de media e baixa montaña e interpretación e educación ambiental.
As Pontes, pola súa banda, volverá recibir unha subvención de 130.000 euros para o seu proxecto Pontes de Emprego, centrado na confección de páxinas web.
O obxectivo destes programas específicos, dirixidos a mozos de entre 16 e 29 anos, pasa por que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego; de educación continua; formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.