Os obradoiros que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria terán unha duración de seis meses
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, financiará este ano un total de 4 obradoiros de emprego en concellos da contorna do Barbanza. Para elo, investirá preto de 700.000 de euros que servirán para dar formación a 80 persoas.
A achega da Xunta a cada obradoiro de emprego que se poña en marcha é de 180.000 euros, mentres que para os específicos de garantía xuvenil o financiamento por parte do goberno autonómico sitúase en torno aos 130.000 euros.
Como xa sucedera nos últimos anos, a maior parte dos municipios presentaron proxectos conxuntos e, así, os concellos de Ribeira e Porto do Son contarán cun obradoiro de emprego conxunto, o Tahume III, que formará a 20 persoas desempregadas nas especialidades de pintura industrial en construción e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Noia e Lousame, pola súa banda, tamén contarán cun obradoiro destas características para a formación en actividades relacionadas co coidado do medio ambiente. Ao Concello de Rianxo, pola súa banda, a Xunta concedeulle financiamento para a posta en marcha do proxecto Arcos Moldes, no que traballarán persoas nas especialidades de fábricas de albanelería e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.
Os obradoiros de emprego, que acollen a 10 alumnos por especialidade, son programas mixtos de formación e emprego que contan con numerosas vantaxes. En primeiro lugar, a posibilidade de acceder a un posto de traballo. Así mesmo, ofrece unha formación teórica e práctica de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional que contribúe á mellora da súa empregabilidade. Este tipo de iniciativas abre un importante espazo de colaboración cos concellos no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización de recursos, co obxectivo de orientar adecuadamente os esforzos. Ademais, os obradoiros están vinculados á realización de obras e servizos de interese para a comunidade.
Impulso ao emprego xuvenil
Ademais, a Xunta de Galicia tamén lle concedeu ao Concello de Boiro unha subvención de 130.000 euros para o seu programa Boiro Emprega-Escola Obradoiro Xardíns de Boiro II, no que poderán participar 15 mozos que recibirán formación en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería.
O obxectivo destes programas específicos, dirixidos a mozos de entre 16 e 29 anos, pasa por que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego; de educación continua; formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.