Saturday 16 de November de 2024

Diego Calvo incide na grandeza do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira na presentación da súa XXXII edición


“Non estamos a falar dun festival calquera, senón dunha manifestación como poucas dos valores culturais e da tradición popular”, asegurou o delegado territorial da Xunta
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, participou na presentación da XXXII edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, declarado Festa de Interese Turístico Internacional no ano 2005.

Durante o acto, ao que asistiron representantes do Concello de Ortigueira, da Deputación da Coruña e tamén patrocinadores e membros da organización, Calvo referiuse ao Festival como “algo grande, que basea a súa grandeza nun cartel de actuacións e actividades que mellora cada ano, no enclave paisaxístico onde se celebra e nunha traxectoria que arrancou no ano 1978 e que hoxe mantén a súa esencia”.

Por iso, insistiu en que “non estamos a falar dun festival calquera, senón dunha manifestación como poucas dos valores culturais e da tradición popular”, así como dun reclamo turístico que traspasa as fronteiras da provincia da Coruña, de Galicia e de España. “Todos os que estamos aquí sabemos que o Festival de Ortigueira é máis que un festival, xa que hai moitos anos que deixou atrás esa denominación para converterse nun referente da unión de culturas a través da música”, matizou Calvo, que lembrou tamén que a Xunta de Galicia colabora coa organización deste evento cunha achega de 40.000 euros.