Friday 22 de November de 2024

Uns 400 nenos e nenas participaron no XVI Torneo Intermunicipal de Fútbol Sala Base 2016, disputado en Frades


Os equipos de Melide, Arzúa e Curtis repartíronse as vitorias nas distintas categorías

Uns catrocentos nenos e nenas participaron na fase final do XVI Torneo Intermunicipal de Fútbol Sala Base 2016, celebrado no pavillón polideportivo do Concello de Frades durante a pasada fin de semana. Un torneo no que participaron equipos das escolas deportivas dos Concellos de Arzúa, Boimorto, Curtis, Melide, Ordes, O Pino e Touro que quedaran entre os catro primeiros clasificados da liga regular. Os 24 equipos competiron en seis categorías: prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e infantil-cadete feminino.

O Concello de Frades destaca tanto o nivel dos equipos participantes como a expectación que levantaron, pois polo polideportivo de Ponte Carreira pasaron durante esta fin de semana entre 800 e 1.000 persoas. Os equipos dos Concellos de Arzúa, Curtis e Melide repartíronse as vitorias das seis categorías, con dous triunfos cada un. O alcalde de Frades, Roberto Rey, foi o encargado de entregar os trofeos aos equipos gañadores, así como medallas conmemorativas e unha bolsa con bocadillo, zume, mazá e unha chocolatina para todos os participantes.

As clasificacións finais do torneo son as seguintes:

 Prebenxamín: 1º Curtis, 2º Ordes, 3º Melide e 3º Arzúa.
 Benxamín: 1º Arzúa, 2º Curtis, 3º Melide e 3º Ordes.
 Alevín: 1º Melide, 2º Curtis, 3º Arzúa e 3º Touro.
 Infantil: 1º Curtis, 2º Melide, 3º Arzúa e 3º Boimorto.
 Cadete: 1º Arzúa, 2º Melide, 3º Touro e 3º Boimorto.
 Infantil-cadete feminino: 1º Melide A, 2º Boimorto, 3º Melide B e 3º Ordes.