Os meniños, de 2 e 3 anos, recibiron os seus “carnés de condutores” tras superar un circuíto e demostrar que coñecen as sinais de tráfico
Un total de 22 nenos e nenas da escola infantil municipal “A Ulloa”, de idades comprendidas entre os 2 e os 3 anos, participaron na sesión final do Programa de Educación Viaria, posto en marcha polo Concello de Oroso. Unha xornada final que foi impartida pola educadora familiar do Concello de Oroso, María José Mosquera.
A concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, explica que “con este programa de educación viaria queremos darlles aos meniños e meniñas da gardería da Ulloa os coñecementos fundamentais sobre seguridade viaria e dun xeito adaptado á súa idade”. Así, durante o último mes, as profesoras da gardería lles ensinaron aos pequenos distintas cuestións relacionadas coa educación viaria, dende como cruzar correctamente unha rúa ata identificar os sinais de tráfico máis básicos, prestando atención a cuestións como o seu comportamento como pasaxeiros en vehículos públicos e privados.
Esta última sesión tivo lugar sobre un circuíto creado nunha das aulas da gardería, onde se colocaron diversos sinais de tráfico feitos en cartón e madeira, e nos que os pequenos tiñan que demostrar que coñecen os sinais de tráfico instalados no circuíto (stop, semáforo, paso de peóns…) e facer un percorrido polo mesmo dende as súas motos de xoguete. Tras superar o circuíto, os pequenos e pequenas recibiron os seus primeiros “carnés de conducir”.