Saturday 16 de November de 2024

Clase maxistral de Francisco Sánchez Fraga sobre a historia de Corrubedo


Francisco Sánchez Fraga, antigo presidente da Agrupación de Voluntarios de Proteccion Civil e namorado convencido de Corrubedo, lugar onde reside dende o seu paso á reserva no grupo especial de especialidades subacuáticas da Garda Civil (GEAS), pronunciou onte unha clase maxistral sobre a historia da parroquia de Santa María de Corrubedo no marco da programación do Xuño da Cultura e as Artes.

Ante unha trintena de persoas reunidas na sala multiusos do Centro Cultural Lustres Rivas, Sánchez Fraga ofreceu unha intervención de sesenta minutos de duración na que se estendeu dende os primeiros indicios de vida prehistórica (como o muro dun antigo castro situado no cumio de Monte Facho, parte do cal saíu á luz como consecuencia do incendio do verán do ano pasado) ata o último naufraxio ocorrido nos baixos que rodean o cabo fai apenas dous meses (o velero Mistral afundido o pasado 14 de abril).

Entrementres, Francisco Sánchez serviuse de múltiple material audiovisual para expoñer fotografías antigas de Corrubedo, documentos e mapas custodiados en diferentes arquivos históricos (algúns dos cales se remontan á época medieval) ou mesmo gravacións a vista de paxaro tomadas cun dron.