Turismo de Galicia visita entre hoxe e o 9 de xuño as cidades de King of Prussia, Philadelphia e Boston para divulgar o destino Galicia entre máis de 150 operadores turísticos
As cidades de King of Prussia e Philadelphia (Pensilvania) e Boston (Massachussets) acollerán entre hoxe e o vindeiro xoves o programa de presentacións da oferta turística de Galicia a operadores turísticos da Costa Leste dos Estados Unidos.
Deste xeito, máis de 150 axentes de viaxes participarán nas xuntanzas organizadas nestas tres cidades, nas que Turismo de Galicia presentará tamén o Camiño de Santiago como reclamo para visitar a Comunidade galega desde os Estados Unidos, de onde xa realizaron a Ruta Xacobea un total de 4.048 peregrinos, un 5,68% máis que no mesmo período do ano anterior.
Ademais, estas presentacións realízanse co apoio do operador turístico Exclusively Spain, unha das principais empresas organizadoras de viaxes dos EE.UU especializada en destinos españois e á que están asociadas boa parte das axencias de viaxes que estarán presentes nas reunións.
Camiño e gastronomía
Durante as sesións de traballo cos axentes de viaxe de King of Prussia, Philadelphia e Boston, manterase a promoción dos camiños Francés e Portugués, que asociados á gastronomía gozan de gran recoñecemento entre varios segmentos da poboación norteamericana.
Por outra parte, no mercado emisor da Costa Leste dos EE.UU, incidirase na difusión dos produtos turísticos galegos relacionados coa natureza, a cultura e a arte.
No primeiro cuadrimestre do ano, o mercado dos Estados Unidos rexistrou máis de 9.600 viaxeiros aloxados e 17.341 pernoitas, cifras que superan nun 14,5% e 32,0% respectivamente os niveis de demanda do mesmo período do pasado ano.
EE.UU é sexto mercado internacional en orde de importancia -cando menos no segmento hoteleiro- e o primeiro non europeo, representando o 6% do total internacional neste período de catro meses.