O documento especifica que a Fegamp e a Rede Galega de Loita Contra a Pobreza e a Exclusión Social comprométense a colaborar e cooperar no desenvolvemento das medidas que integran a Axenda Social única, e na máxima coordinación efectiva entre as institucións implicadas
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe a adhesión da Fegamp e da Rede Galega de Loita contra a pobreza e a exclusión á Axenda Social Única, co obxectivo de unir esforzos nun novo impulso ás familias con máis dificultades. “Co compromiso que temos coas familias que teñen menos recursos, e especialmente coas familias con nenos a cargo, coa axuda e co aval da Rede Galega de Loita contra a Pobreza e Exclusión Social, e coa decisión de facer realmente efectivo o diálogo que faga posible a verdadeira coordinación que lle debiamos a todos os galegos, asinamos esta Axenda Social Única para dar un novo impulso ás familias con máis dificultades”, afirmou.
Tras a sinatura, Feijóo asegurou que con este acordo “plasmamos a coordinación que nos esixe a Lei de Servizos Sociais, que pon de manifesto que esta competencia non é exclusiva de ninguén, senón compartida entre a Comunidade e os concellos; pero tamén o que a sociedade nos reclama, porque todos temos un papel que xogar e que debemos asumir de forma responsable”.
Non en van, o documento pon de manifesto que esta Axenda Social, cuxas medidas están dirixidas de xeito prioritario a fogares con menores de 16 anos a cargo e con ingresos de traballo inferiores aos limiares da RISGA, é unha resposta axeitada para promover a inclusión social.
Así mesmo, especifica que a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Rede Galega de Loita Contra a Pobreza e a Exclusión Social comprométense a colaborar e cooperar no desenvolvemento das medidas que a integran a Axenda Social Única, e na máxima coordinación efectiva entre as institucións implicadas, para promover a inclusión social das persoas e familias máis vulnerables, e paliar deste xeito os efectos da exclusión e loitar contra as causas que a provocan.
O texto pon de manifesto tamén o compromiso na difusión da Axenda Social de Galicia entre os restantes actores relevantes do eido dos Servizos Sociais para conseguir a súa implicación e apoio expreso.
Feijóo quixo dirixir a primeira mensaxe da súa intervención ás persoas e ás familias que inspiran o acordo asinado. “Os responsables públicos falamos deles con frecuencia. A miúdo referímonos ás persoas que peor o están pasando como a primeira das nosas prioridades. E, en efecto, así é, desde hai moito tempo, na maioría dos casos e na maioría das institucións. Con independencia do nivel administrativo, con independencia da cor política, con independencia de que haxa máis ou menos recursos económicos dispoñibles. A primeira prioridade de calquera goberno responsable foi, é hoxe e será sempre: as persoas que peor o están pasando”, sentenciou.
Durante a súa intervención, o presidente do Goberno galego precisou que o acordo contén nove ámbitos “nos que entendemos que debemos avanzar da man”.
1.- Medidas de apoio á renda
– Desde a Xunta ratifícase o compromiso de axilizar a tramitación das RISGA para que a lista de espera se achegue a cero. E mantense a vontade de seguir incrementando as axudas de inclusión social, que son hoxe un 55 % máis que en 2009, así como blindar os anticipos das mesmas para que os seus beneficiarios poidan dispoñer delas o antes posible
– E, pola parte dos concellos, contémplanse axudas complementarias para persoas que estean en situación de tramitación da RISGA ou que non teñan dereito á súa percepción. Así como axudas para cubrir gastos de desprazamento pola asistencia a programas sociosanitarios.
2.- Medidas de loita contra a pobreza enerxética
– Ademais do tícket eléctrico actualmente en vigor, que beneficia a 4.000 familias, e do programa de axudas -tamén en vigor- para evitar cortes de luz, e que supón o pagamento de ata dúas mensualidades da factura eléctrica, incorpórase a previsión de completar o tícket eléctrico nos casos en que sexa preciso, para aquelas familias con menores ou discapacitados a cargo con ingresos inferiores ao 1,5 do IPREM. Unha iniciativa a desenvolver en colaboración cos concellos das sete grandes cidades.
3.- Medidas de atención á vivenda
– Ademais da posta en marcha do Programa Reconduce para buscar unha alternativa habitacional aos afectados por unha execución hipotecaria; do Bono de Alugueiro Social, cando a perda da vivenda se debe ao impago dun alugueiro; do convenio co Consello Xeral do Poder Xudicial para poder activar un protocolo inmediato no momento en que se detecta un caso; e do Programa de Vivendas Baleiras en colaboración cos concellos.
– Ampliarase o Programa Reconduce: incorporando como posibles beneficiarios ás persoas afectadas por non pagamento de aluguer, e cun reforzo dos recursos coa creación dunha oficina en cada provincia, coa implicación dos concellos a través dos servizos sociais comunitarios.
– Porase en marcha un complemento do Bono Alugueiro Social, de xeito que os concellos tamén fagan unha achega económica –que se sume á da Xunta- e que cubra unha maior parte do alugueiro.
– Así mesmo activarase, tamén cos concellos, un Servizo de Acollida Básica, un servizo de aloxamento de media ou longa estancia e recursos para a cobertura das necesidades de carácter básico, que inclúa o desenvolvemento dun acompañamento técnico promotor da inclusión social.
– E poñerase en marcha un Servizo de Atención Urxente, que coordine o sistema de servizos sociais con outros sistemas para abordar en primeira instancia situacións de desprotección imprevistas, nun horario complementario ao funcionamento dos servizos sociais.
4.- Medidas de promoción de inclusión social
– Apertura dunha nova liña na convocatoria de subvencións a Concellos para financiar gastos derivados da construción, ampliación, reforma e mellora de centros de emerxencia e inclusión social.
5.- Medidas para atención á dependencia
– Reforzarse o Servizo de Axuda no Fogar a Persoas Dependentes, co incremento en máis dun millón de horas desta prestación a domicilio.
6.- Medidas de axuda aos ámbitos máis sensibles, como a infancia e a sanidade
– No ámbito da infancia: seguir desenvolvendo o Programa de intervención coa infancia e a súa familia, para tratar situacións de vulnerabilidade con nenos menores de 16 anos, en situación de pobreza e vulnerabilidade e as súas familias. Co obxectivo de beneficiar a máis de 1.000 familias das sete grandes cidades de Galicia.
– Na sanidade: apertura desde a Xunta dunha liña de axudas aos concellos, que apoiará a cobertura do 40% dos prezos dos medicamentos das familias en dificultades, e que –con todo- os concellos que o desexen poderán completar
7.- Medidas de apoio á contratación de persoal para os servizos sociais
– Neste 2016 implantarase un Programa de educación e apoio familiar, a través dunha nova liña de subvencións aos concellos para desenvolver unha intervención técnica especializada en procesos de inclusión social ou sociolaboral con menores a cargo.
– Actualización dos módulos económicos do Plan Concertado, cunha suba do 12% no gasto autonómico correspondente ao financiamento do persoal dos servizos sociais comunitarios.
– Reforzaranse os equipos profesionais dos servizos comunitarios municipais, a través do financiamento de máis de medio cento de novas prazas públicas de traballadores sociais (38) e de titulados superiores (psicólogos, pedagogos e psicopedagogos- 15) para concellos de máis de 20.000 habitantes.
– Tamén se implantará a Rede Galega de Atención Temperá, mediante unha liña nova de subvencións dirixida ás entidades locais para facilitar a creación así como impulsar o funcionamento e a consolidación dos servizos de atención temperá. O obxectivo é dar resposta o antes posible ás necesidades que presentan os nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento.
8.- Acompañamento a entidades de iniciativa social
– Mellora das axudas aos centros de emerxencia e inclusión social, coa apertura dunha nova liña na convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social para financiar gastos derivados da construción, ampliación, reforma e mellora dos centros.
9.- Busca de colaboración doutros axentes
– Medidas como as que están xa en vigor, por exemplo, con entidades financeiras para que cedan vivendas baleiras. E que se estenderán sempre que haxa marxe para dotar a loita contra a exclusión dun novo aliado
Feijóo concluíu a súa intervención incidindo en que con este acordo dáselle unha mellor atención a quen máis o precisa a través dun maior protagonismo das asociacións que loitan contra a pobreza e garantindo unha maior coordinación cos concellos. “E é un acordo que tenta non deixar fóra del a ningún ámbito de actuación que precisen as persoas que máis dificultades teñen”, engadiu.
O titular da Xunta insistiu en que loitar contra a pobreza non é patrimonio exclusivo de ninguén, senón responsabilidade de todos, e expresou o seu desexo de que todos os municipios fagan seu este acordo, “para que xuntos o poidamos desenvolver axeitadamente. A man da Xunta está tendida e o protocolo está detallado. O único que resta é poñelo en práctica en cada caso, en cada situación”, aseverou.