Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Brión organiza acampadas familiares, infantís e xuvenís durante tres fins de semana na parroquia de Ons


O Concello de Brión vén de presentar unha novidosa oferta de ocio para os meses de verán: tres acampadas de fin de semana con actividades náuticas e de tempo libre na área de piragüismo da parroquia de Ons. Unha iniciativa que ten un custe de 10 euros por persoa e acampada, cun desconto do 50% para o segundo irmán. As inscricións poden realizarse na Casa da Cultura, 981 50 99 08, ata unha semana antes da acampada.

Cada unha das tres acampadas propostas polo Concello de Brión ten un público diferenciado. A primeira delas será a Acampada Familiar, que terá lugar na fin de semana do 25 e 26 de xuño e está dirixida a nenos e nenas acompañados polos seus pais, que chegarán a Ons entre as 11 e as 12:00 horas e volverán aos seus fogares a iso das 19:00 ou 20:00 horas do domingo.

Do 13 ao 14 de agosto terá lugar a Acampada Infantil, dirixida a nenos e nenas de 8 a 12 anos. Finalmente, a Acampada Xuvenil, para rapaces e rapazas de 13 a 17 anos, terá lugar na fin de semana do 3 e o 4 de setembro.