Mañá mércores abre o prazo para apuntar aos nenos e nenas de Fene no “Verán Máis Alá”, programa de conciliación da vida laboral e familiar que se desenvolve ao longo do mes de xullo nas instalacións do Ceip Centieiras de Fene e que vai dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2004 e 2012 (idades de referencia, de 3 a 12 anos). Segundo informan dende a Concellería de Cultura e Ensino, como en anos anteriores, os dous primeiros días de inscrición (mércores 8 e xoves 9 de xuño) poderán entregar a súa ficha de datos no Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais de Fene, 44, entrechán) os veciños/as de Fene, reservándose a terceira xornada (venres 10 de xuño) para os veciños/as doutros concellos, sempre que queden prazas libres. As 120 prazas previstas no Verán Máis Alá 2016 cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
O luns 13 de xuño publicarase na web www.fenecidadan.net a listaxe dos/as participantes no XIV Verán Máis Alá! Publicada a listaxe, as familias dos nenos/as inscritos poderán realizar o ingreso bancario (do que deberán entregar xustificante no Departamento de Cultura e Deportes antes das 14:00 h do mércores 17 de xuño, coa fotocopia da tarxeta sanitaria e un xustificante médico, no suposto que o neno/a precise dun tratamento específico, amais dunha fotografía tamaño carné co nome do/a neno/a escrito pola parte de atrás).
O custe da actividade (todo o mes) ascende a 68,15 € para o primeiro membro da unidade familiar matriculado, e a 36,70 € a partir do segundo membro da unidade familiar. No caso de apuntar ao/á pequeno/a durante unha quincena nada máis, o custe será de 34,08 € para o primeiro membro da unidade familiar matriculado, e de 18,35 € a partir do segundo membro da unidade familiar.
Para as familias en situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo poderán acceder gratuitamente á actividade nos termos sinalados no artigo 4. da Ordenanza fiscal núm. 2 .
O Verán Máis Alá 2016 desenvolverase do 1 ao 29 de xullo nas instalacións do CEIP Centieiras de Perlío. Tendo en conta que un dos obxectivos deste programa é facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, un ano máis estruturarase en dous bloques horarios:
• Bo día! Dende as 8:00 ata as 10:00 horas (os nenos e as nenas poderán incorporarse a calquera hora nesta franxa horaria).
• Máis alá! que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:30 (os nenos e as nenas deberán incorporarse ás 10.00 h e saír entre as 14:00 e as 14:30 horas).
MÁIS INFORMACIÓN
No Departamento de Cultura e Ensino (Avda. Naturais, 44, entrechán dereita, 15500 Fene) Teléf.: 981 340 366. Correo electrónico: cultura.deportes@fene.es