O responsable da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, e o presidente da Asociación agroecolóxica A Cortiña, Xosé María García, asinaron este luns un convenio de colaboración entre o Concello e a entidade de cara a promocionar a sustentabilidade na gandeiría e no cultivo da terra. O acordo, cunha dotación de 1.300 euros, servirá para financiar a publicación de material divulgativo e, principalmente, para a organización de xornadas técnicas. Unha das primeiras trala sinatura do convenio terá lugar este venres ás 17.30h. na Casa da Xuventude para falar da produción de leite de vaca ecolóxico. Pero hai máis, o día 17 está fixada unha sesión ao redor dos pastos e as forraxes de calidade que se complementará cunha charla sobre fructicultura e, xa para máis adiante -posiblemente en agosto ou setembro-, a asociación ten previsto organizar o I Encontro galego agroecolóxico de San Sadurniño.
O obxecto do convenio é establecer un marco estable de colaboración entre o Concello de San Sadurniño e a Asociación agroecolóxica galega A Cortiña “co fin de afianzar a dinamización socioeconómica do medio rural dende unha perspectiva ecolóxica e de sustentabilidade social, económica e ambiental”, tal e como aparece recollido na cláusula primeira do documento asinado este luns.
Neste sentido, o Concello achegará un total de 1.300 euros en dúas veces: a metade trala sinatura do acordo e a outra metade a finais de ano, cadrando coa xustificación dos gastos efectuados. Dentro deles márcanse a organización de charlas técnicas, cursos e conferencias; a edición de material gráfico para a difusión da agroecoloxía, a cooperación con entidades públicas e privadas neste ámbito, xa sexa para facer intercambio de experiencias ou para realizar visitas de interese a lugares de referenza na produción agrogandeira ou na transformación de alimentos.
No apartado dos compromisos da asociación tamén se recolle a organización dun encontro sectorial ao redor da agricultura e agandeiría ecolóxicas. A Cortiña aínda non ten fixada unha data concreta, pero todo apunta a que podería ter lugar en San Sadurniño cara a mediados ou finais do verán, momento no que tamén se celebra a Feira Rural.
Con todo, antes dese encontro, A Cortiña xa ten programadas outras actividades que seguen a liña emprendida pola asociación, na que se xuntan a promoción da agricultura e a gandeiría sustentables entre o consumo, a mellora da capacitación no sector primario e o apoio a aquelas persoas que ven na volta á terra unha posibilidade laboral con futuro.
Produción de leite ecolóxico
A primeira cita técnica terémola xa esta semana. O venres ás 17.30h. a Casa da Xuventude acollerá unha charla de Xan Pouliquén, un dos maiores expertos do país en agrogandeiría ecolóxica. Pouliquén falará sobre a produción de leite ecolóxico como unha das alternativas á crise de prezos que vive o sector. Unha alternativa que -tal e como seguramente explicará este consultor con máis de dúas décadas de experiencia- non é algo que se poida facer dun día para outro, senón que debe meditarse e planificarse ben.
Pastos, forraxes e fructicultura
Para a outra semana, o venres 17, a asociación tocará un tema que garda relación coa gandeiría, coa calidade da produción e coa rendibilidade das explotacións. En concreto falarase dos pastos e da produción de forraxes como factores determinantes para a rebaixa de custes e para asegurar a calidade do leite, da carne, dos ovos, etc. A sesión técnica complementarase cunha charla sobre fructicultura. O horario concreto, as persoas poñentes e outros datos de interese seguramente se publiquen en breve na páxina en Facebook da entidade.