Friday 22 de November de 2024

O “paintball” triunfa entre a xente nova


Continúa o programa de lecer alternativo para a mocidade “Venres en Sansa”

O terceiro “Venres en Sansa” ofreceu a posibilidade de soltar adrenalina a caldeiros no contorno do paseo fluvial. E é que unha das propostas da programación deste ano incluía unha sesión de “paintball” que contou cunha inscrición masiva. Apuntáronse case 40 persoas, o que levou ao Concello a facer dous grupos e ampliar o horario deste obradoiro celebrado nunha tarde-noite na que tamén houbo cociña creativa, educación canina e kickboxing. Por outra banda, o sábado pola mañá, a praia de Pantín tamén acolleu unha actividade de iniciación ao surf para todas as idades na que participaron dez persoas.

Os “Venres en Sansa” forman parte da programación municipal destinada á mocidade, aínda que hai propostas que non teñen límite de idade. A terceira sesión de lecer activo desenvolveuse no contorno do CPI -no ximnasio e no patio cuberto- e tamén na área recreativa do paseo fluvial, convertida para a ocasión nun campo de “paintball”. Esta disciplina combina o exercicio físico, a destreza para ocultarse e a punteiría disparando bólas de xelatina biodegradables con trazadoras de aire comprimido.

Foi necesario delimitar a zona e pechar uns cen metros de paseo, ademais de establecer vixilancia para deter o xogo se se daba o caso de que se aproximasen persoas pescando -tal e como recomendou un técnico de Medio Ambiente que inspeccionou o recinto pouco antes do inicio do evento- por tratarse dun couto sen morte con prioridade para este deporte.

Organizadas en equipos, as persoas participantes estráronse polo merendeiro parapetándose detrás das árbores e doutros elementos colocados para o xogo, como palés e pacas de palla. Quen recibía un impacto e quedaba cunha mancha de pintura debía abandonar o campo… e así ata que un equipo quedase eliminado.

Debido ao alto número de inscricións o Concello organizou dúas quendas de “paintball”. A segunda finalizou cando xa case era noite. Este reparto permitiulle á mocidade compatibilizar mellor a asistencia a outras actividades. De feito, houbo xente que participou na sesión de primeira hora e que, cara ás 22.00h., xa estaba no ximnasio do CPI practicando kickboxing, outra das propostas do terceiro “Venres en Sansa”. Nela aprenderon algúns exercicios básicos deste deporte de contacto ademais de algúns trucos de autodefensa.

A segunda parte da noite -das 23.00h. até a 1.00h.- estivo ocupada por actividades que xa se impartiron a semana pasada. Concretamente a de cociña creativa e a de educación canina que, en conxunto, reuniron unha vintena de participantes.

E, ao día seguinte, aínda houbo quen tivo forza dabondo para presentarse ás 10 da mañá na praia de Pantín para probar a aguantarse enriba dunha táboa de surf. O Concello organizou -á marxe dos “Venres en Sansa”- unha nova edición da “Xornada 1ª Onda”, dirixida a persoas de todas as idades que quixesen iniciarse neste deporte para o que temos condicións inmellorables a tan só uns quilómetros de San Sadurniño.

E este venres…: tecnoloxía, benestar, sendeirismo e cociña
A cuarta sesión dos “Venres en Sansa” -este venres, día 10- volve ofertar catro actividades para elixir. A primeira delas -20 a 23.00h.- é un obradoiro de robótica, programación e Minecraft, un dos xogos con máis afección da actualidade. Hai 10 prazas dispoñibles e, se se xunta un grupo mínimo de persoas, terá lugar na Casa da Xuventude.

Entre as 21 e as 23.00h. a Casa da Cultura será escenario dun obradoiro centrado na expresividade, na risa e no exercicio da empatía por medio de de distintas actividades. Neste caso hai dispoñibles 20 prazas.

Entre as onde da noite e a unha da mañá poderemos escoller entre dúas opcións: unha é o obradoiro de cociña creativa -20 prazas- que se desenvolverá no patio cuberto do CPI, e outra é unha ruta de sendeirismo nocturno sen límite de idade e para a que se ofertan 40 prazas. É necesario levar foco frontal, chaleco e calzado cómodo.