ESTARÁN PRESENTES A TRAVÉS DE 27 CONCELLOS OU ENTIDADES DOS MUNICIPIOS, OS CALES CONTARÁN CUN STAND PROPIO NO QUE AMOSARÁN MATERIAL RELATIVO ÁS SÚAS CELEBRACIÓNS E INFORMARÁN AOS VISITANTES
A III Feira de Festas de Interese Turístico, Festur 2016, a cal se celebra conxuntamente co salón de turismo Turexpo Galicia e de forma paralela á 39ª Abanca Semana Verde de Galicia, contará do 9 ao 12 de xuño coa participación de 37 celebracións das catro provincias galegas con este recoñecemento. Unha cifra que supón un 42% máis que na última edición de Festur celebrada de forma paralela a Abanca Semana Verde.
Estas festas estarán presentes a través de 27 concellos ou entidades dos municipios nos que se celebran, os cales contarán cun stand no que amosarán material relativo e informarán aos visitantes. Ademais, moitas das celebracións levarán a cabo distintas actividades durante a feira, como degustacións, exhibicións e exposicións, en función do seu carácter.
As festas gastronómicas que realizarán degustacións en distintos momentos da feira serán a do Requeixo e do Mel, de As Neves; Xamón, de A Cañiza; Lacón con Grelos, de Cuntis; Cocido, de Lalín; Carneiro ao Espeto, de Moraña; Empanada de Bandeira e Tortilla de Laro, ambas de Silleda; Galo de Curral, de Vila de Cruces; e Pescada do Pincho de Celeiro, de Viveiro.
Outras celebracións levarán a cabo vistosas representacións e exhibicións, caso da Feira Franca Medieval, de Betanzos, que realizará as Danzas Moras; a Romaría Vikinga, de Catoira; o Folión de Carros, de Chantada; e as mostras de Olería de Buño, de Malpica de Bergantiños, e do Encaixe de Palillo, de Camariñas. Tamén haberá exposicións, como a de traxes do Entroido dos Xenerais do Ulla, o cal se celebra nos concellos coruñeses de Boqueixón, Teo, Touro, Vedra e Santiago de Compostela e nos pontevedreses de Vila de Cruces, Silleda e A Estrada.
As restantes festas participantes en Festur 2016, a cal conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, amosarán as súas particularidades nos seus stands, sendo estas a Festa do Pemento, de A Arnoia; Festas Patronais de San Telmo, de Tui Romaría da Virxe da Franqueira, de A Cañiza; Festa da Filloa, de Boqueixón; a festa de San Roque, de Betanzos; a Semana Santa, O Naseiro e a Rapa das Bestas de Candaoso de Viveiro; Romaría de San Ramón de Bealo, de Boiro; Feira de Santos, de Monterroso; Festa do Ourizo, Queimada Popular e Maruxaina, de Cervo; Romaría da Saínza, de Rairiz de Veiga; Festa da Dorna, de Ribeira; festas do Xesús Nazareno e das Mortallas, de A Pobra do Caramiñal; Pemento de Herbón, de Padrón; Virxe de Guadalupe, de Rianxo; Exaltación de Pan de Cea, Romaría de San Hadrián, de Malpica; e Festa do Percebe do Roncudo, de Ponteceso.
Outras festas con degustacións e exhibicións
Ademais destas festas recoñecidas como de interese turístico, Festur tamén acollerá degustacións de celebracións que ou ben teñen solicitado estes recoñecemento, como a Festa da Xouba de Rianxo, ou que pertencen a concellos presentes con estas celebracións, como a Festa do Mexillón, tamén de Rianxo, a Semana da Tortilla de Betanzos ou as da Paella de Cortegada, Lacón e Callos de Ansemil-Martixe,todas elas de Silleda.
A estas sumaranse outras actividades promovidas polos concellos presentes, entre elas unha degustación de produtos gastronómicos de Vedra ou unha representación dos cabezudos e da Festa Medieval de Padrón.