Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente investirá preto de 5 millóns de euros en reforzar e consolidar o seu Plan de control de verteduras


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, anunciou hoxe en rolda de prensa este investimento

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá preto de 5 millóns de euros en reforzar e consolidar o Plan de control de verteduras (PCV) de Augas de Galicia, unha ferramenta que leva en completo funcionamento desde o ano 2009.
Así o explicou esta mañá en rolda de prensa a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, que estivo acompañada polo director deste organismo, Roberto Rodríguez. Neste sentido, concretou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe mesmo a licitación deste servizo, que se estenderá durante 30 meses.
A conselleira explicou que este Plan constitúe unha “ferramenta fundamental” de cara a acadar a “máxima calidade” das augas, en tanto se ocupa de controlar as verteduras que se producen nos ríos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, e da totalidade de aportes que chegan ao mar desde calquera punto do litoral galego. Polo tanto, “a súa finalidade é vixiar todos os vertidos, e emendar, no menor prazo de tempo posible, aqueles que sexan contaminantes”.
Para conseguilo, os profesionais adscritos ao Plan articulan o seu traballo ao redor das seguintes actuacións: inspeccións, alertas por vertidos puntuais, campañas específicas, e inventario de vertidos.
Polo tanto, un dos principais eixos son as inspeccións a empresas, particulares ou puntos de competencia municipal. Trátase de inspeccións periódicas, que constitúen a base do inventario de puntos de vertidos, así como o seu seguimento e control Desde 2009 ata agora, téñense realizado 17.300 inspeccións, nas que se recolleron preto de 13.000 mostras das que se analizaron 83.000 parámetros distintos. A previsión este ano é chegar ás 2.900 inspeccións, un 5,6 por cento máis que en 2015.
Este traballo compleméntase coas alertas de vertidos puntuais, que chegan fundamentalmente a través de chamadas ao 112 por parte de particulares, grazas a un protocolo de actuación establecido coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA). Desde a posta en marcha do Plan, Augas de Galicia recibiu un total de 1.265 alertas de vertidos a través desta vía, ás que se suman outras 869 comunicadas por outros organismos da administración.
O PCV desenvolve tamén campañas para solucionar problemáticas específicas que poidan xurdir nun momento determinado, como pode ser a de “zonas de baño”, que se desenvolveu nos últimos dous anos naquelas praias nas que a Consellería de Sanidade detectou problemas dalgún tipo; ou a campaña da “Ría do Burgo”, derivada da detección de hidrocarburos na ría.
Tres de cada catro verteduras non son contaminantes
Finalmente, todo o traballo realizado a través das inspeccións, das campañas e das alertas puntuais queda recollido no “inventario de vertidos”, que é “probablemente o instrumento máis importante”, considerou Mato. “Todos os puntos de vertido que coñecemos están recollidos nese inventario, e cada un deles conta cunha ficha específica na nosa base de datos”. Polo tanto, a través deste inventario dispoñemos dunha “fotografía, cada día máis completa e precisa, da situación actual dos vertidos de Galicia, sempre tendo en conta que se trata dunha realidade cambiante”.

Actualmente, segundo indicou a conselleira, o Plan ten inventariados 8.663 puntos de vertido. “Non obstante, tres de cada puntos de vertido inventariados non son contaminantes”, subliñou Mato, quen especificou que hai 787 (9%) que presentan indicios de contaminación e 1.281 (15%) que son considerados contaminantes.

Reparar no menor tempo posible
Cando se detecta un vertido contaminante, o obxectivo é “emendalo no menor tempo posible”. A actuación varía en función de se a súa orixe é un particular, unha empresa ou un concello pero, en calquera caso, o causante debe ser o encargado de reparalo, contando co asesoramento de Augas de Galicia.
De todos os xeitos, os titulares dos vertidos contaminantes deben emendar o dano cometido a través de sancións económicas. Estas sancións dependen da gravidade e da reincidencia, desde un máximo de 30.000 euros para as leves, ata os 600.000 euros das moi graves. Cabe destacar, ademais, que se o titular non emendara o punto de vertido, tamén está exposto a multas coercitivas.
Mato detallou que desde 2009 incoáronse 1.327 expedientes sancionadores nesta materia e que, grazas ás actuacións acometidas por parte de Augas de Galicia, téñense reparado 2.164 aportes contaminantes desde ese ano.