O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asinou un convenio de colaboración coa Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (FEGATAXI)
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda renovou esta mañá na Coruña o convenio de colaboración coa Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (FEGATAXI), para o traslado de mulleres vítimas da violencia de xénero, tanto aos centros de acollida como ao Centro de Recuperación Integral de Santiago.
Alfonso Rueda e o presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia, Manuel Sánchez Quindimil, asinaron hoxe o convenio que ten como obxectivo ofrecer apoio no traslado de mulleres vítimas da violencia de xénero e dos seus fillos e fillas a calquera dos centros que conforman a Rede Galega de Acollemento, cando as especiais circunstancias da vítima, valoradas polos servizos sociais, imposibiliten o seu traslado por outros medios.
Coa sinatura deste acordo de colaboración, o goberno galego reitera o seu traballo e apoio en prol das vítimas de violencia de xénero, e seguir a concienciar a toda a sociedade que hai que traballar para erradicar a violencia de xénero e lograr a igualdade real entre homes e mulleres, loitando contra a desigualdade en todas as frontes, xa que a prioridade non pode ser outra que acabar coa violencia, traballando pola igualdade dende a educación, fomentando a conciliación da vida familiar e laboral, e ofrecendo formación, asesoramento e apoio ás mulleres emprendedoras.
A través deste acordo, ofrecese ás mulleres vítimas da violencia de xénero unha atención integral, e nesa liña se enmarca esta colaboración cos taxistas, para trasladar a estas mulleres e aos seus fillos e fillas aos centros de acollida, con seguridade, discreción e de xeito gratuíto. Ademais, os taxistas tamén reciben formación sobre violencia de xénero e contribúen a difundir boas prácticas e concienciar á sociedade do problema e da necesidade de rexeitar esta lacra.
Dende 2013, foron levados a cabo case 200 traslados, o que lles permite a estas mulleres chegar aos centros de acollida, con seguridade, discreción e de xeito gratuíto. O número de traslados producidos nos últimos anos ten sufrido un lixeiro aumento respecto ao 2014 con 24 traslados. No 2015 producíronse un total de 94 e no presente ano 2016 – a día 6 de xuño – leváronse a cabo 67 traslados.
O orzamento destinado para este ano é de 10.000 euros, que poderán ser ampliados a 5.000 euros máis, debido ao aumento dos traslados aos centros de acollida, que constitúen uns recursos especializados residenciais e temporais que lles ofrecen acollemento, atención e recuperación ás mulleres que sofren violencia de xénero e ás e aos menores ao seu cargo.