A conselleira do Medio Rural e o alcalde deste municipio coruñés, Juan Domingo de Deus, abordaron a planificación destas actuacións nunha xuntanza de traballo celebrada esta mañá en San Caetano
A Xunta investirá un total de 41.691 euros na mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias no concello de Mugardos. Así llo explicou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, ao alcalde deste municipio coruñés, Juan Domingo de Deus, nunha xuntanza de traballo celebrada esta mañá en San Caetano.
En particular, os camiños a arranxar serán a rúa do Coto entre Casás e Areosa e a rúa Areosa ata Francisco Yáñez, en ambos casos mediante o asfaltado con aglomerado en quente.
Este investimento enmárcase no plan –aprobado o pasado 28 de xaneiro polo Consello da Xunta– para a mellora destas infraestruturas nos diferentes concellos de Galicia. Destinaranse en total, por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), preto de 20 millóns de euros a esta finalidade, unha achega cofinanciada nun 75% con Feader no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
O obxectivo xenérico a alcanzar con estas achegas é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais. Para acadar este fin é preciso, por unha banda, mellorar as dotacións existentes de infraestruturas básicas e, por outra, levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e a mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural.
Os criterios de reparto para desenvolver o Plan Marco de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal 2016 foron consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Así, os concellos da provincia da Coruña recibirán máis de 6,2 millóns de euros, os de Lugo 5,3 millóns, os de Ourense contarán con preto de 4,5 millóns de euros e os da provincia de Pontevedra con preto de 3,9 millóns