Friday 22 de November de 2024

A Aula Mentor EducaOroso incorpora dous novos cursos e ofrece este mes tres seminarios de márketing e novas tecnoloxías


O Concello de Oroso, a través da Aula Mentor EducaOroso, acaba de incorporar á súa oferta formativa dous novos cursos: “Coaching e liderazgo persoal” e “Dirección de arte para producións audiovisuais”. As inscricións poden realizarse na Aula Mentor EducaOroso (rúa do Deporte 7, Sigüeiro) ou no 981 688 950.

O curso de “Coaching e liderazgo persoal” formúlase como unha ferramenta para axudar a acadar o éxito na vida persoal e profesional, partindo do feito de que canto máis nos coñecemos a nós mesmos, mellor podemos conseguir os obxectivos que nos marcamos. Por iso, neste curso traballarase o desenvolvemento do liderado persoal xunto con outras habilidades.

Pola súa banda, o curso de “Dirección de arte para producións audiovisuais” está deseñado para que os participantes coñezan de maneira secuencial todos os pasos que se deben seguir, dende a recepción do guión ata o traballo co equipo de rodaxe, pasando pola construción da escenografía e o deseño do atrezzo. Ao longo do curso inclúense referencias a documentais e longametraxes amplamente coñecidas polas súas escenografías particulares.

Novas tecnoloxías

Así mesmo, o Concello de Oroso ofrecerá durante este mes de xuño tres seminarios, de catro horas de duración cada un, relacionados con marketing dixital e novas tecnoloxías. Todos eles terán lugar por videoconferencia na Aula CeMIT de Sigüeiro, onde se poden inscribir todos aqueles que desexen participar (981 6 8 89 50 ou educaoroso@concellooroso.com).

O primeiro seminario, titulado “Queres crear unha web? Comeza con WordPress” terá lugar o xoves 9 de xuño, de 16:00 a 20:00 horas. Durante esas catro horas, Consuelo Luces, consultora de Deseño e Comunicación de EOSA Consultores, explicará os aspectos básicos de WordPress para a creación de páxinas web, así como a utilización e instalación de distintos e interesantes plugins.

Para o martes 14 de xuño, tamén de 16:00 a 20:00 horas, está programado o seminario “Marketing dixital para captar e fidelizar os nosos clientes”, que será impartido polo enxeñeiro industrial Víctor Gómez. Durante a súa ponencia, Gómez falará das redes sociais como canle de comunicación empresarial e das ferramentas para a xeración, clasificación e programación de contidos.

Finalmente, o seminario “Quen visita a túa web? A responsta con Google Analytics”, terá lugar o martes 21 de xuño da man da empresa Alén Multimedia. De 16:00 a 20:00 horas, o alumnado aprenderá a empregar os filtros e medicións de Google Analytics, realizando varios exercicios prácticos.