O proxecto desenvolvido pola Mancomunidade de Ordes pretende homenaxear o labor das mulleres escritoras e dar a coñecer as máis destacadas da comarca
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de iniciar o proxecto literario ‘Con A de comarca’. Trátase dunha iniciativa desenvolvida conxuntamente polo Servizo de Normalización Lingüística, o Centro de Información á Muller e o Departamento de Prensa, e co cal se pretende dar a coñecer e homenaxear o labor realizado polas principais mulleres escritoras da comarca.
Deste xeito oito mulleres xornalistas de destacada traxectoria manterán unha conversa e realizarán senllas entrevistas a outras tantas literatas. Raquel Ríos, natural de Trazo e actualmente traballadora de RNE, foi a encargada de abrir hoxe este ciclo de entrevistas. Ao longo da mañá compartiu experiencias e indagou na obra e na constitución da xeración literaria ‘Historias de equipaxe’, cos seus principais compoñentes. Todas e todos eles están actualmente estudando no IES Nº1 de Ordes, lugar onde se deron cita e se levou a cabo a gravación.
Fernanda Tabarés (Voz Televisión), Marga Pazos (TVG), Belén Regueira (RG), Paula Pájaro (COPE), Ainhoa Apestegui (Cadena SER), Emma Araújo (La Voz de Galicia) e Olga Vilar (Radio Obradoiro) serán as encargadas de dar a coñecer a obra e figura das escritoras Josefina García, Marisol Gándara, Estela Suárez, Mari Vega, Tania Carro, Begoña Picón e Rosalía Morlán. Con todo o material acadado editarase un DVD que, entre outros ámbitos, será difundido polos centros escolares e académicos da comarca coa finalidade de que poida ser empregado con fins didácticos e divulgativos de cara ao curso 2016-17.
“O principal obxectivo é o de publicitar a contribución que fan as mulleres ao ámbito literario. Con este traballo tamén lles queremos brindar a todas elas un merecido recoñecemento, á par que se incide na súa capacidade como creadoras e profesionais das letras”, tal e como explica Roberto Rey, presidente da Mancomunidade de Ordes.