“Plantexamos facer un Fondo de Cohesión Demográfica con dous obxectivos: que se pondere o envellecemento poboacional dos maiores de 65, de 80 e de 85 e que, tamén, se pondere o compromiso de estimular as políticas de natalidade para ir diminuíndo os custos do envellecemento”, precisa
O titular da Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, propuxo hoxe que o Sistema de financiamento das comunidades conte cun Fondo de Cohesión Demográfica onde se teña en conta o custo do envellecemento poboacional e o custo de estimular as políticas de natalidade. “É dicir, plantexamos facer un Fondo de Cohesión Demográfica con dous obxectivos: que se pondere o envellecemento poboacional dos maiores de 65, de 80 e de 85 e que, tamén, se pondere o compromiso de estimular as políticas de natalidade para ir diminuíndo os custos do envellecemento”, aseverou.
Durante a apertura do V Encontro Interterritorial do Foro Rexións Españolas con Desafíos Demográficos (FREDD), Feijóo insistiu na necesidade de ter en conta non só os maiores de 65 senón tamén aos maiores de 80 e de 85, para ponderar adecuadamente o custo obxectivo e real da sanidade e dos servizos sociais no ámbito do envellecemento. E afirmou que só se conseguirá atallar o problema demográfico se se trata dunha forma diferenciada, facendo fincapé en que “non é un problema das comunidades do noroeste, senón que é un problema que afecta a España, a outros países e a Europa no seu conxunto”.
Un obxectivo compartido entre comunidades, estados e a Unión Europea
Consciente desta situación, Feijóo avogou por que o cambio demográfico supoña un cambio das políticas dos estados e por que sexa un obxectivo compartido entre comunidades, estados e a Unión Europea. “Nunca poderemos cambiar a realidade se camiñamos en solitario”, aseverou, lembrando que grazas ao traballo conxunto das comunidades que integran este foro -Galicia, Asturias, Castela e León, Aragón, Castela A Mancha, Estremadura, Cantabria e A Rioxa- conseguiuse que no Comité das Rexións, nos Fondos de Cohesión para o período 2020 e seguintes, se teña en conta a cuestión demográfica “e que, polo tanto, haxa un compromiso das autoridades europeas para poñer diñeiro en favor das rexións que desenvolvan políticas de mellora da natalidade”.
Diante disto, o presidente da Xunta afirmou que chegou a hora de transpoñer o conseguido no Comité das Rexións a nivel estatal, “xa que é evidente –dixo- a maior carestía dos servizos públicos nas sociedades envellecidas”.
Nesta liña, apostou por que este encontro Interterritorial do Foro Rexións Españolas con Desafíos Demográficos sirva para facerlle ver ao conxunto do Estado que favorecer a natalidade “é un compromiso que as comunidades estamos asumindo, como comunidades responsables que somos, aínda que as políticas de natalidade son políticas estatais e europeas”.
Máis polo miúdo, no caso de Galicia lembrou que o Goberno galego está a desenvolver a Estratexia de Dinamización Demográfica; unha política realista que pretende facer ver aos cidadáns que é imprescindible a dinamización demográfica da comunidade a través de dous obxectivos fundamentais: o obxectivo de ser capaces de absorber a demanda de servizos sanitarios e asistenciais que supón ter unha das esperanzas de vida máis altas. E o obxectivo de crear unha contorna para que a Comunidade sexa un bo lugar para ter fillos.
“E para elo puxemos en práctica determinadas políticas como a Política de Apoio á Natalidade; probablemente a máis ambiciosa que se puxo nunca en Galicia”, aseverou, facendo referencia ás axudas directas e ao impulso dunha ampla gama de servizos públicos como: a creación da Tarxeta Benvida; as deducións fiscais por nacemento; a creación de case 5.000 prazas de garderías infantís; a creación de Casas Niño e do Bono Concilia; a construción de escolas infantís nos polígonos industriais; a creación do Bono Coidado; ou o Transporte metropolitano gratuíto para menores de 18 anos.
Feijóo concluíu insistindo na necesidade de “poñer enriba da mesa o cambio demográfico, de aceptar que temos un problema demográfico moi serio e estrutural e de que hai que actuar conxuntamente”.