O obxectivo desta iniciativa é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes co fin de mellorar a calidade da educación e os resultados escolares dos alumnados
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar a selección de plans de formación permanente do profesorado que se van implantar nos seus centros públicos no vindeiro curso 2016/17. Tal como recolle o Diario Oficial de Galicia os centros educativos que desexen presentar este tipo de plans disporán de prazo ata o 20 de xuño para realizar unha primeira preinscrición e, posteriormente, teñen ata o 10 de xullo para formalizar a presentación de solicitudes.
Esta convocatoria busca impulsar que os centros educativos desenvolvan plans específicos de formación permanente do profesorado encamiñados, sobre todo, a diminuír o abandono e mellorar o éxito escolar, así como a propiciar unha organización escolar que favoreza a transformación dos centros en organizacións capaces de aprender e xerar coñecementos. Trátase, polo tanto, de actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes co fin de mellorar a calidade da educación e os resultados escolares do alumnado.
A Consellería prestará o seu apoio económico e humano a estes plans de formación a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e dos centros de formación e recursos (CFR).
No actual curso 2015/2016 optaron por esta modalidade formativa centrada no contexto da propia comunidade educativa 1 de cada 3 centros galegos.
Requirimentos
Cada centro poderá solicitar un único plan, aínda que tamén poderán presentar un mesmo plan conxunto no caso de centros con necesidades comúns e proximidade xeográfica. Ademais, todo o profesorado que preste servizos nun centro seleccionado nesta convocatoria poderá participar no seu plan de formación. Os plans presentados terán unha planificación mínima de dous cursos escolares e máxima de catro.
A liña de traballo prioritaria dos plans de formación, de acordo coas directrices, será a programación, avaliación e metodoloxías que favorecen a adquisición das competencias clave segundo os novos currículos. Ademais, os plans de formación poderán tratar unha das seguintes liñas: ‘Planificación estratéxica das linguas no centro’; ‘Integración didáctica das TIC. Traballo colaborativo en rede a través de espazos virtuais. Educación dixital’; ‘Atención á diversidade e cambios metodolóxicos asociados’; ‘Convivencia escolar e clima da aula. Relacións coas familias’; ‘Actualización científica e didáctica do profesorado’; ‘Mellora da xestión dos centros (con especial atención á xestión directiva) e dos procesos de calidade’; ‘Programas europeos e internacionais: accións e plans de promoción e desenvolvemento’; e ‘Biblioteca escolar, alfabetizacións múltiples e aprendizaxe por proxectos’.
En relación con estas liñas de traballo, cada centro deberá propoñer un plan integrado por un ou dous itinerarios formativos que estarán compostos por, polo menos, dúas ou tres actividades, tales como seminarios, cursos ou grupos de traballo.
Os materiais que xurdan do desenvolvemento de cada un dos plans que finalmente se autoricen poderán poñerse en común para o beneficio de toda a comunidade educativa galega e difusión das boas prácticas dos centros, en prol dunha mellora da calidade do ensino.