Saturday 16 de November de 2024

O turismo de golf galego promóvese en suíza a través da publicación especializada Golf Suisse Magazine


Un xornalista desta revista visitará os principais centros para a práctica do golf en Galicia

Un xornalista da revista suíza especializada Golf Suisse Magazine visita Galicia ata o próximo 10 de xuño para coñecer a oferta galega relacionada coa práctica deste deporte, nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia co obxectivo de promover no país alpino os principais recursos turísticos galegos neste ámbito.

Golf Suisse Magazine é unha publicación especializada que conta cunha tiraxe de máis de 66.000 exemplares, distribuidos de xeito personalizado entre todos os golfistas suízos.

Dese xeito, a Xunta promoverá a oferta turística de golf nun dos mercados emisores máis interesantes, tanto polo número de licencias como pola boa conectividade aérea de Suiza con Galicia.

Golf e turismo
No ámbito turístico, o golf constitúe un dos elementos que máis contribúen á segmentación da demanda e á desestacionalización da oferta polo que Turismo de Galicia desenvolve un programa de actuacións destinado á súa promoción.

Así, no Plan Integral de Turismo de Galicia ven reflectida a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf vencellados ao turismo termal.

Por iso, estanse impulsando accións encamiñadas á promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.

Neste ámbito salienta a posta en marcha do VI Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia o pasado día 30 de maio en Madrid, que levará a promoción do turismo de golf galego a cinco campos doutras tantas comunidades españolas con final na nosa comunidade.