Friday 22 de November de 2024

As trintas obras seleccionadas no Certame de Artes Gráficas Jesús Núñez da deputación exhíbense no Centro Cultural Lustres Rivas


Dende a noite de onte venres ata o día 18 de xuño o Centro Cultural Lustres Rivas está a albergar a exposición do IX Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez.

A concelleira Fabiola García foi a encargada de presidir a apertura desta mostra, formada por trinta obras seleccionadas entre 155 traballos procedentes de 24 países nun certame promovido pola Deputación da Coruña que está consolidado como un dos máis prestixiosos no mundo da arte gráfica.

Fabiola García destacou a grande presenza feminina na autoría das obras, comezando pola gañadora do concurso, a arxentina Alicia Candiani, e proseguindo por dous accésits e 19 obras seleccionadas realizadas por mulleres.

Entre as técnicas empregadas, litografía, augaforte, chiné, troquelado, fotolitografía, barniz blando, xilografía, punta seca, augatinta, gofrado, carborudum e un longo etcétera en gravado e estampa.

A edil riveirense informou de que a Concellería de Cultura está a traballar xa en vindeiras exposicións, como será a de Nuco Losada e Paco Casal no mes de xullo, a de Jontxu Argibay en agosto, a de Antonio Pérez en setembro ou a de Fernando Yáñez en outubro, ademais de outras que están aínda por definir; deste xeito, cunha frecuencia mensual, os riveirenses terán a oportunidade de recrearse en distintos tipos de manifestacións artísticas da man de creadores locais.