Friday 22 de November de 2024

O Concello de Oroso distingue o labor cultural do mestre de baile Abel Rodríguez Noya, do músico Petre Abraham Smeu, da desaparecida Banda de Música de San Mamede e Grabanxa e de La Caixa


O alcalde Manuel Mirás garante que a Gala da Cultura “non será algo efímero, senón que espero que dure para sempre”

Máis dun cento de veciños e veciñas asistiron na noite do venres á terceira edición da Gala da Cultura, uns premios cos que o Concello de Oroso recoñece o mérito das persoas, entidades, asociacións e empresas que destacaran no ámbito cultural e de acordo coas propostas da propia veciñanza do municipio, que é quen presenta os candidatos. Unha gala celebrada no centro cultural de Sigüeiro e presidida polo alcalde, Manuel Mirás, e o concelleiro de Cultura, Luís Rey, canda o deputado provincial Antonio Leira e as concelleiras de Turismo, Vanesa Boo; Ensino, Beatriz Rodeiro; e Muller, Mª del Carmen Liste.

Manuel Mirás agradeceu a participación da cidadanía á hora de propoñer nominados a estes recoñecementos pois “con estas actividades pretendemos facer pobo e queremos facer actividades que chegue a todos, e quen mellor que vos mesmos para propoñelas”. O alcalde asegurou que “a pesar de que algún dixo que sería flor dun día, esta Gala da Cultura non quero que sexa algo efímero, senón que dure para sempre. Porque a cultura é un dos piares deste goberno que teño a honra de presidir”. O alcalde tivo palabras de aprezo para todos e cada un dos nominados, pero fixo unha mención especial a Abel Rodríguez Noya e Xoán Porto Becerra “Guancho”, “pois eu fun presidente de Lembranzas e pasamos moitos anos levando o nome de Oroso por toda España e Portugal cun grupo de elite, e escoitarvos falar deses tempos me emocionou moito”.

Pola súa banda, Luís Rey felicitou a todos os nominados porque “para min sodes todos gañadores. Temos a sorte de contar con moitos artistas en Oroso e estamos descubrindo moitos máis grazas a eventos coma este”. Por iso, felicitou a todos os veciños e veciñas presentes pois “facedes unha gran labor porque a cultura é o que fai pobo. A maior riqueza que pode ter un pobo é a cultura e a educación, porque na nosa cultura é onde está o sentir dun pobo, as súas raíces”.

Abel Rodríguez Noya, recoñecemento á traxectoria

O gran premio da noite e o máis aplaudido polo público foi o recoñecemento especial á traxectoria no mundo da cultura, que recaeu en Abel Rodríguez Noya, mestre de baile tradicional galego na Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre dende 1983 e finalista na edición de 2015. Rodríguez Noya agradeceu a nominación para alguén “non nacido aquí e que non esperaba botar trinta anos da súa vida en Oroso. Para min foi moi grato, desfruteino moito, por iso que hoxe me premien por algo que disfrutei tanto ten para min un valor dobre”.

Ademais de dedicarse á recuperación de bailes tradicionais e do traxe tradicional por toda a xeografía galega, Abel Rodríguez formou parte de distintas asociacións como “Brisas da Terra”, no grupo de baile da asociación de veciños “Río Sarela”, no grupo de baile da asociación de veciños de Villestro e tamén no grupo de baile da asociación de veciños “A Gracia”, todas elas en Santiago de Compostela. Ademais, forma parte da coral “Carrocera Castrosúa”, tamén de Santiago.

Representante de Galicia no Festival Intercéltico en Francia, leva as súas costas actuacións por toda Galicia, por numerosos puntos de España e tamén por Portugal. Ao longo da súa trayectoria obtivo varios recoñecementos: 1º premio en baile tradicional 1988 no concurso Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela), 1º premio en baile tradicional no Concurso A. C. Xacarandaina (A Coruña) e 2º premio en baile tradicional no 1991 no concurso Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela), todos eles coa agrupación Lembranzas do Tambre. Tamén conseguiu 4 medallas de ouro nas Xornadas de Folclore Galego de Santiago (1975, 1984, 1987 e 1989) e varias de prata e bronce, así como os primeiros premios do Festival de Ourense varios anos, do Festival de Anceis (Cambre) en dúas ocasións e primeiro bailarín das xornadas de Folclore Galego de Santiago, en 1987 e 1989.

Como finalistas desta categoría, o xurado elixíu a José Verea Montero, profesor do Conservatorio de Pontevedra e director da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, ademais de responsable da cátedra “Formas musicais, harmonía e composición” no Conservatorio de Santiago de Compostela; e Xoán Porto Becerra “Guancho”, mestre de gaita e percusión en “Lembranzas do Tambre” dende hai máis de 25 anos e na agrupación “Brincadeira” (Santiago), compositor e arreglista de “Leilía” e profesor de guitarra no Conservatorio Municipal do Carballiño.

Banda de San Mamede e Grabanxa, recoñecemento especial

O momento máis emotivo da noite protagonizárono catro dos integrantes da xa desaparecida Banda de Música San Mamede e Grabanxa, que recibiron o Recoñecemento especial á Asociación/Entidade. José Verea, en nome de todos os integrantes da banda, asegurou que “estamos sumamente agradecidos por este recoñecemento, que nos fixo moitísima ilusión”. Un recoñecemento que terá continuidade o próximo 18 de xuño na parroquia de Senra, onde haberá un reencontro de membros da banda e unha homenaxe por parte do Concello de Oroso.

De acordo con distintos testemuños, esta banda musical naceu en San Mamede aló polo 1905 e despois chegou a ser a da Grabanxa (entre o 1928 e o 1932, cando Ramón Blanco pasou a dirixila), para finalmente actuar as dúas xuntas. A Guerra Civil mermou considerablemente ambas bandas, pero recomou a súa actividade na década dos anos 40, época na que conta cuns 20 compoñentes. A partir dos anos cincuenta, coa emigración e que algúns componentes ingresaron noutras bandas, o número de músicos volve disminuir ata a súa desaparición nos anos sesenta.

Como finalistas, o xurado distinguiu á Asociación Cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso, de recente creación e que está a vivir un dos seus mellores momentos con actuacións repartidas ao longo de todo o ano pola provincia, a gravación do seu primeiro CD e varias actuacións en Portugal; e á Agrupación Folclórica Buxos Verdes, que leva máis de 25 anos loitando por manter viva a música e o baile tradicional galego, non só facendo actuacións por toda Galicia, senón impartindo clases de distintos instrumentos tradicionais, de baile e de canto.

Petre Abraham Smeu, recoñecemento á promesa

O recoñecemento á promesa foi para Petre Abraham Smeu, violinista premiado internacionalmente que comezou os seus estudos con catro anos e medio. En febreiro de 2011 recibe o premio infantil na especialidade de violín nos VI Premios Honoríficos “David Russell” para Jóvenes Talentos (Vigo). No ano 2013 gaña o primeiro premio de violín do II Concurso Ciudad de Vigo e no 2015 gaña o segundo premio do XVI Concurso Internacional de Música Fundao (Portugal) e o primeiro premio do Grand Prize Internacional Competition. Ademais, está convidado a tocar na Ópera Bastille (París).

Petre Abraham amosouse “orgulloso de pertencer a un concello que coida da súa xente porque estes galardóns non caen do ceo. Do ceo non cae máis que choiva, o demais hai que gañalo con traballo e dedicación, como me inculcaron os meus pais”. O xove violinista explicou que “me gustaría dedicarme profesionalmente á musica, polo que recibir este premio é para min un recoñecemento ao meu traballo diario”.

Como finalistas desta categorías distinguiuse a Estela Suárez Recouso, licenciada en filoloxía que acaba de publicar o seu primeiro libro “Non quero xogar ás agochadas coa lúa” e ten conseguido varios premios de videocreación (3º premio de videocreación Xuventude Crea da Xunta, 1º premio á mellor curta no V Certame de Curtas para Rosalía da Asociación Sociopedagóxica Galega e 2º premio do III Concurso de Curtametraxes “E ti k ves?” de Adega); e a Beatriz Iglesias Vilaseco, alumna da escola municipal de música de Oroso dende 2012 polo seu esforzo e dedicación nas súas actuacións como solista e nos concertos que celebra a escola. O premio de Estela Suárez foi recollido polo seu pai.

Empresa

Por último, o recoñecemento á empresa que máis colabora coa cultura recaeu en La Caixa, finalista na edición de 2015. A entidade bancaria foi premiada pola súa colaboración no certame Gois Oroso Arte e no programa “Reorientamos”, así como achegando ao municipio iniciativas como Planeta Móbil tanto no Nadal como na Semana Cultural. O director de La Caixa en Oroso, José Manuel Rodríguez Suárez, agradeceu o premio e asegurou que “seguiremos traballando e colaborando no que poidamos nas actividades culturais e sociais que se nos propoñan”.

Os finalistas foron dúas librerías: Librería Refoxos, negocio familiar aberto no 2005 especializado en literatura infantil e xuvenil que fixo varias achegas de libros para a biblioteca municipal; e Librería Aula 10, pola súa colaboración achegando libros para os distintos concurso que se convocan en Oroso así como por organizar presentacións de libros na biblioteca municipal de Oroso.