A Comunidade reúne as condicións idóneas para a práctica desta actividade nos seus 1.659 km de costa e 16 rías
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor o turismo náutico como un dos grandes atractivos da Comunidade galega, que reúne todas as condicións necesarias, con 1.659 km de costa e 16 rías, para converterse en referencia internacional. A directora fixo estas declaracións con motivo da viaxe en barco que realizou, xunto co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, para percorrer a ruta “Tesouros das Rías de Galicia”.
Esta ruta é un dos dous itinerarios dos cruceiros costeiros Nea Galicia, xunto co de “Illas Atlánticas e vilas mariñeiras”, que o Goberno galego puxo en marcha para coñecer a fondo as Rías Baixas a través de paquetes organizados. Así directora describiu a iniciativa como unha gran oportunidade para Galicia de cara a ser referencia europea en cruceiros costeiros de escalas en terra.
O servizo supón unha oferta innovadora que permite vivir as rías galegas durante sete meses ao ano, aproveitando os barcos de transporte turístico e as empresas de chárter náutico. Ademais, ao ser cruceiros de 3 ou 6 días, implican o aloxamento en hoteis da zona e demanda de outros servizos turísticos como a gastronomía ou a enoloxía.
A Xunta de Galicia impulsa esta iniciativa co obxectivo de contribuír a diferenciar a Comunidade como destino, desestacionalizar a demanda e captar novos fluxos turísticos que redunden positivamente nas economías locais.
“Tesouros das Rías de Galicia” e “Illas Atlánticas e vilas mariñeiras”
A ruta que hoxe percorreron a directora de Turismo e o presidente de Portos, “Tesouros das Rías de Galicia”, constitúe o primeiro cruceiro costeiro en ferri e veleiro de Galicia, acreditado pola Carta de Calidade Europea NEA. Ten unha duración de tres días nos que percorre 80 millas para dar a coñecer os tesouros naturais, patrimoniais, enogastronómicos e históricos das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa. Ten saída dende Vigo e fai escalas nas illas de San Simón e Cíes, finalizando en Baiona no seu primeiro día.
Na segunda xornada vista as Illas Cíes, Parque Nacional e que ten a mellor praia do mundo segundo The Guardian, e inicia o Camiño de Santiago pola Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, descubrindo tamén a Ruta da Camelia, na contorna do viño Albariño Rías Baixas.
Para finalizar, no seu último día, o visitante pode coñecer a península do Grove, as Illas Ons, a Illa de Arousa, todo dentro do Camiño de Santiago pola Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, con escala en Boiro e Vilanova de Arousa e finalizando en Vilagarcía de Arousa desde onde, opcionalmente, se permite visitar Santiago de Compostela ao día seguinte.
O outro itinerario, “Illas Atlánticas e vilas mariñeiras”, amosa un dos grandes atractivos turísticos que ofrece Galicia, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, e tamén a tradición, cultura e paisaxe das vilas mariñeiras galegas. O cruceiro sae dende Sanxenxo para visitar Pontevedra, a Illa de Ons, Bueu, Combarro, A Toxa, Cambados, Ribeira, Vilanova de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Vigo, as Illas Cíes, Baiona, Rande e San Simón.