O Partido Popular asegurou no pleno de maio que o municipio perdera a subvención por presentala fóra de prazo
A primeira Xunta de Goberno local deste mes acordou, entre outras cuestións, iniciar o procedemento para contratar as obras de arranxo duns 5,2 quilómetros de pistas municipais dentro do Plan marco do AGADER para mellorar eixos viarios do medio rural e, nomeadamente, aqueles que dan acceso a explotacións agrarias. O investimento supera os 103.000 euros -ive incluído- dos que 85.000 proveñen de fondos europeos e o resto deberá ser asumido polo Concello. De feito, para levar adiante as obras o pleno municipal aprobou en marzo unha modificación do orzamento para acomodar a partida. Porén, o asunto aínda se volvería tocar no pleno de maio, cando o portavoz do PP, Manuel Romero, asegurou que a subvención se perdera por presentala fóra de prazo. Un extremo que quedaría desmentido posteriormente pola propia Xunta coa comunicación da aprobación do proxecto e da concesión da axuda.
O “Plan marco: mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016” é unha convocatoria da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que se financia principalmente con fondos europeos do FEADER. O programa non é novo, pero este ano introduciu como condicionante para os investimentos elixibles que as pistas sirvan de eixo de comunicación para explotacións ou parcelas agrícolas.
O programa -cun montante próximo aos 20 millóns de euros- reservou para San Sadurniño unha contía de 85.228 € -sen ive, xa que Europa non o financia- e, en base a ela, o Concello preparou un proxecto para intervir en oito pistas que requirisen unha reparación urxente e que, ademais, se axustasen ás bases.
Deste xeito o programa adscrito ao Plan marco servirá para reparar 5,2 quilómetros de vías municipais. Así, en Naraío amañaranse as pistas A Fraguela-Vilarxá e A Fraguela-As Nabeiras (1,3km.), en Lamas repararase o camiño Penacastrelo-O Vilar (800m.) e no Camiño Arriba tocaralle á pista desde Vilela ata O Freixo (800m.). En Bardaos hai tres actuacións: O Castro-A Bañoca, As Loibas-O Carbeiral e As Loibas-Fonte do Coto, que xuntan uns dous quilómetros de pistas. No caso de Santa Mariña repararase a pista da Pena (345m.)
Á hora de elixir as pistas, o Concello buscou cumprir os requisitos do programa do AGADER, manter o equilibrio territorial das actuacións e darlle resposta a peticións xurdidas nas asembleas dos orzamentos participativos. Cómpre ter en conta, ademais, que nesta anualidade tamén se van levar a cabo intervencións noutras vías con cargo a outras convocatorias, como o POS ou o PAS provinciais.
E é que, malia ser programas distintos, o Concello procura ilos encaixando para que se executen simultaneamente en cada zona. Exemplo disto é a reparación da estrada que une Prospes co Vilar pasando por Penacastrelo. O primeiro tramo, desde Prospes a Penacastrelo, vai con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación da Coruña mentres que o segundo, Penacastrelo-O Vilar, se incluiu dentro deste Plan marco do AGADER.
Este ano destínanse a reparacións da rede viaria e a sendas peonís algo máis de 433.000 euros a través de 14 obras distribuídas polas sete parroquias do municipio. O investimento total sufragado con convenios e programas doutras administracións superará os 600.000 euros, englobando neles as melloras nas estradas e outras obras públicas como o acondicionamento do contorno da área deportiva de Currás, a urbanización da Agra ou o saneamento no Cochón.
Polémica no pleno
Para sacar adiante os investimentos recollidos no Plan marco do AGADER, o Concello aprobou no mes de marzo unha modificación do orzamento co obxectivo de incorporar a partida do proxecto ao capítulo 6 das contas municipais. Unha cuestión que contou co apoio unánime dos tres grupos da corporación pero que non remataría aí o seu percorrido plenario.
E é que na sesión ordinaria de maio, o Partido Popular pediu explicacións pola suposta perda desta subvención. Pouco antes de rematar a sesión, o portavoz do grupo, Manuel Romero Castrillón, fixo unha aseveración tallante: “sabemos que esa subvención se perdeu por presentala fóra de prazo”, dixo o edil. Xa daquela o alcalde mostrou a súa sorpresa apuntando que a afirmación de Romero era “a primeira noticia” que tiña sobre a hipotética perda desta axuda europea que, como comunicou recentemente a propia Xunta, cumpría cos prazos e requisitos técnicos esixidos na convocatoria.