Friday 22 de November de 2024

Consellos para pais e educadores de Oroso sobre prevención e hábitos de vida saudables en nenos e nenas menores de tres anos


Unha quincena de persoas, entre veciños e educadores das escolas infantís orosás, participaron nunha charla informativa sobre preveción e hábitos de vida saudables na idade preescolar organizada polo Concello de Oroso. Unha sesión impartida por Sabela Rodríguez González del Blanco, médico especialista en Medicina Preventiva, na gardería municipal da Ulloa.

Durante a súa intervención, Sabela Rodríguez presentou os hábitos que é preciso ensinar aos nenos e nenas menores de tres anos e fixo fincapé nas enfermidades ás que están máis expostos e que teñen unha maior facilidade de transmisión a estas idades: tosferina, varicela, sarampión… A doutora explicou aos presentes tanto como actuar para evitar os contaxios, como o xeito de tratar ao pequeno unha vez que está enfermo. A maiores indicoulles os casos e síntomas ante os que teñen que estar alerta en casos de enfermidades graves como, por exemplo, a menixite. Ao rematar a charla, tanto os pais e nais como o persoal das garderías pudieron plantexar as súas dúbidas á especialista.

Esta charla forma parte dun programa posto en marcha en outubro de 2014 polo Concello de Oroso para ofrecer información relacionada coa saúde en nenos e nenas menores de tres anos. A concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, explica que o obxectivo deste tipo de iniciativas é que “as familias teñan un lugar no que tratar temas de interese sobre os seus pequenos, ao tempo que poden resolver calquera dúbida que teñan”. En anteriores xornadas abordáronse cuestións relacionadas coa seguridade dos pequenos (cun curso de pequenos auxilios e outro de prevención de accidentes no fogar) ou sobre como conseguir unha alimentación correcta e equilibrada nos pequenos.