San Sadurniño e máis Moeche asinaron en xullo do ano pasado un convenio de colaboración para levar adiante o servizo compartido de recollida de voluminosos. O acordo consiste en que Moeche emprega a infraestrutura técnica e humana de San Sadurniño para prestar este servizo achegando, ademais, persoal propio de apoio e asumindo os custes, cifrados en algo máis de 178 euros por día de traballo. Agora este servizo compartido vai beneficiarse dunha subvención de 5.407,22 € procedente da parte competitiva do Fondo de Compensación Ambiental. Unha cifra que vén supoñer o 70% da contía anual do proxecto.
O Fondo de Compensación Ambiental nútrese do canon que lle pagan á Xunta as empresas eléctricas por cada aeroxerador instalado no territorio. Coa cantidade percibida, o organismo autonómico fai un prorrateo entre todos os municipios con parques eólicos asignándolles unha parte fixa e distribuíndo outra parte dos fondos por medio dunha convocatoria de axudas para proxectos en concorrencia competitiva, é dicir, dándolles máis cartos ás propostas que obteñan unha maior puntuación. En ambos casos deben levarse adiante actuacións para a mellora de servizos relacionados, precisamente, co medio ambiente, o aforro enerxético, etc.
No tocante á liña non competitiva San Sadurniño percibirá este ano 37.000 euros que se investirán no cambio a tecnoloxía LED do alumeado que percorre a AC-862 desde Cornide ata a saída do núcleo urbano do concello, coas miras postas en reducir o consumo e tamén os gastos de mantemento.
Porén, no caso da liña competitiva, San Sadurniño presentou unha solicitude con Moeche para axudar a sufragar os custes do servizo de recollida de voluminosos que prestan conxuntamente ambos concellos. O custe total anual do proxecto ascende a 7.724,60 euros dos que a Xunta financiará o 70% a través do Fondo de Compensación Ambiental.
O importe da axuda ascende a 5.407,22€, unha contía que, segundo o alcalde “supón un aforro importante nun servizo necesario para a cidadanía”. Secundino García indicou, por outra banda, que a puntuación obtida polo proxecto viría confirmar que a colaboración entre municipios para ofrecer servizos conxuntos “é o mellor camiño para optimizar recursos públicos e mellorar a calidade dos servizos que se lle prestan á xente. Non son necesarias fusións traumáticas nin que os concellos perdan independencia, só fai falla entendemento e a vontade de mirar en que se pode cooperar”.
A recollida conxunta de voluminosos non é o único servizo que comparten San Sadurniño e Moeche. Recentemente ambos municipios suscribiron un acordo para que a alfabetizadora dixital da Aula CeMIT se traslade a Moeche para impartir formación durante 7,5 horas á semana.
O servizo en San Sadurniño
Desde o Concello volve lembrarse que está prohibido depositar nos colectores do lixo -ou arrimar a eles- mobles vellos, electrodomésticos, entullos de obras domésticas e outros refugallos. Para tratar estes residuos como é debido abonda con chamar ao Concello -981 490 027- para solicitar que nos pasen recoller os voluminosos dos que queiramos desfacernos. Despois de que deamos aviso hannos chamar para concertar o o día e a hora aproximados en que o servizo de obras fará a recollida e o lugar onde debemos deixar os obxectos, case sempre ao lado da casa.
Outra opción é achegarse até o Punto Limpo de Narón onde, desde 2008, nos recollen de forma gratuíta este tipo de residuos. O punto limpo está aberto de luns a venres entre as 9 e as 13.00h. e de 16 a 19.00h. Os sábados tamén abre polas mañás, de 9 a 14.00h.
Nel podemos deixar entullos, chatarra, electrodomésticos, roupa usada, mobles e enseres, pinturas e disolventes, envases, etc. O Punto Limpo de Narón encóntrase no polígono do Río do Pozo.