Friday 22 de November de 2024

Os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de galicia reciben un total de 99 candidaturas


Ao premio de Arquitectura corresponden 33 candidaturas, 53 ao de rehabilitación e 13 ao premio especial á sustentatibilidade

Os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia recibiron un total de 99 candidaturas propostas polos diferentes membros do xurado e, a través do IGVS, do público en xeral. Así, para os galardóns de Arquitectura presentáronse 33 candidaturas, para o de rehabilitación 53, e 13 para o premio especial á sustentabilidade. As candidaturas ao premio especial á traxectoria profesional presentaranse na reunión que celebre o xurado para a concesión dos premios.

Estes galardóns, que convocou a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) contan con un orzamento de 20.000 euros, destinados aos gañadores e teñen as seguintes modalidades e dotacións:

1. Premio galego de arquitectura. Outorgarase entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación que teñan suficiente entidade propia como para ser valorados de forma independente á construción orixinal. Dotación económica: 6.000 €

2. Premio galego de rehabilitación. Destinado a galardoar os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente. Dotación económica: 6.000 €

3. Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio poderán destacarse con mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.

4. Premios Especiais. O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a continuación:

a) Á sustentabilidade. Destaca aquela actuación que supoña a implementación dunha arquitectura responsable co medioambiente, os recursos e as xeracións futuras. Dotación económica: 4.000 €

b) Á traxectoria profesional. Recoñece a meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura, no territorio galego, que o outorgará o xurado en base ás propostas formuladas polas entidades integrantes do xurado. O premiado deberá ser arquitecto. Dotación económica: 4.000 €.

Poden optar a estes premios os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas entre os días 1 de xaneiro de 2011 e o 31 de decembro de 2015 dentro do territorio da comunidade autónoma de Galicia. Os autores dos proxectos deberán ser arquitectos. No caso do premio á traxectoria profesional non se establece ningún tipo de límite temporal.

O xurado que determinará os gañadores estará presidido pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda e composto por representantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Real Academia Galega de Belas Artes de Nuestra Señora del Rosario; Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña; Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; Federación Galega da Construción e Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia.

O obxectivo dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia é o impulso á excelencia da nosa arquitectura e a rehabilitación recoñecendo a calidade das edificacións rematadas entre 2011 e 2015, tanto de obra nova como de rehabilitación. Especial mención merecen os premios especiais de sustentabilidade e á traxectoria profesional.

O primeiro busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co medio ambiente en consonancia cos programas europeos e o Horizonte Europa 2020. O premio á traxectoria profesional pretende ser un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego.