ESTÁ DESEÑADO COA COLABORACIÓN DE NUMEROSAS ENTIDADES E COLECTIVOS REALACIONADOS COS DISTINTOS ÁMBITOS DO SALÓN
A III Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca 2016, a cal se celebrará do 9 ao 12 de xuño de forma paralela á 39ª edición da feira Abanca Semana Verde de Galicia, contará cun completo programa conformado por cerca de 40 actividades distintas, moitas das cales se repetirán ao longo dos seus catro días de duración.
Respecto ás actividades de caza, os visitantes poderán ver numerosas exhibicións, en moitas das cales tamén poderán participar. Entre elas estarán as de cetrería, de Cans de Parada e San Huberto, de tiro con arco e, por primeira vez na feira, as de Field Target (unha disciplina de tiro ao branco a distancias de entre 9 e 50 metros) e as de tiro con aire comprimido. Para estas dúas últimas disporase dunha galería de tiro no pavillón de Fecap Abanca.
Tamén poderán asistir a dúas interesantes probas de axilidade canina, a IX e X Proba da Liga Autonómica de Agility, ver mostras como a centrada en trofeos de caza ou a III Exposición de Cans de Caza, na cal se espera reunir a uns 200 exemplares, os cales tamén competirán para acadar os premios á “Mellor Gaiola”, “Mellor Camada” e “Mellor Exemplar”. Así mesmo, terán lugar conferencias, como a que versará sobre como actuar en caso de accidente no monte, dirixida aos cazadores, e actividades orientadas a escolares, como a recreación dun biotopo con coellos e perdices.
En canto ás actividades relacionadas coa pesca, serán numerosas as demostracións, moitas delas impartidas por pescadores de prestixio. Así, realizaranse de confección de baixos de pesca de surfcasting e auga doce, de fabricación de vinilos y cucharillas, e de montaxe de moscas. Entre estas levaranse a cabo de moscas en xeral, por parte de Rafael de la Iglesia; de competición, de salmón, de man de Marcos Prado, e realistas, a cargo de Joaquín L. Quintáns. Tamén se amosarán patentes galegas no ámbito da pesca, como unha caña formada por un pau de golf de tres punteras que permite ao pescador levar unha soa caña en lugar de tres ou un carrete con modificacións para a súa durabilidade.
Ademais realizaranse actividades de pesca no lago do recinto, entre elas “Pescaprendo”, un curso de pesca para nenos.
Natureza
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza levará a cabo na feira interesantes actividades, moitas dirixidas a nenos. Así, ademais de promover “Pescaprendo”, realizará talleres de ecosistemas para escolares, de marca páxinas, de realización de cadernos de campo e tamén centrados tanto nos primeiros cazadores como no recoñecemento de aves.
Tamén fará entrega na feira dos premios “Naturézate” e “Protexe os animais” e realizará exhibicións de cans de detección de sustancias e especies. Así mesmo, a Dirección Xeral contará no seu stand cunha interesante exposición centrada nos parques naturais de Galicia, o Eume, Xurés, Monte Aloia, Dunas de Corrubedo, Invernadoiro, Illas Atlánticas e A Lastra.
Para a organización deste completo programa de actividades, a feira Fecap Abanca, a única coa súa temática na Comunidade, conta coa participación de numerosas entidades e colectivos, como son a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Aproca, Cazarco, Dezarco, Sociedade de Caza e Pesca de Silleda, Federación Galega de Caza, Sociedade Canina Galega, Federación Galega de Pesca, Cucharillas Edu, Bricoypesca, Nudesa e Remanso coa firma Cometa, e tamén coa participación e colaboración activa, por primeira vez, de grandes empresas vinculadas coa pesca, a caza e a natureza, que están a facer publicidade da feira nos seus propios establecementos.
Pavillón específico
Todas estas actividades celébranse no marco dunha feira que na presente edición contará cun cincuenta por cento máis de expositores e case o dobre de superficie expositiva que na edición anterior, o que supuxo acondicionar de novo o pavillón 4 do recinto feiral, de mil oitocentos metros cadrados, que se emprega na Central Agropecuaria de Galicia ABANCA pero que levaba moitos anos sen ser utilizado na feira Abanca Semana Verde.