Friday 22 de November de 2024

Feijóo destaca o compromiso da Xunta na loita contra o cancro coa achega de 80 millóns para renovar a tecnoloxía sanitaria do Sergas incorporando novos aceleradores liñais e mamógrafos


Salienta que a implantación das vías rápidas está a permitir que os pacientes con sospeita de patoloxía oncolóxica grave sexan atendidos nun tempo medio de espera de 15 días

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou durante a celebración da cea solidaria a beneficio da Asociación Española contra o Cancro (AECC), o compromiso da Xunta na “loita colectiva” contra o cancro, coa achega de 80 millóns de euros para renovar a tecnoloxía sanitaria do Sergas, incorporando novos aceleradores liñais, mamógrafos e TAC.

Así mesmo, eloxiou a implicación dos profesionais sanitarios, dos investigadores, das familias e dos pacientes. “Grazas pola vosa dedicación, polo voso esforzo e polo voso exemplo”, aseverou.

Feijóo trasladou tamén o compromiso e a implicación da Administración autonómica na loita contra esta enfermidade a través da implantación das vías rápidas, que está a permitir que os pacientes con sospeita de patoloxía oncolóxica grave sexan atendidos nun tempo medio de espera de 15 días.

O presidente da Xunta subliñou que nesa loita contra o cancro as armas máis precisas para vencelo son, ademais dun diagnóstico precoz e dos tratamentos adecuados, a prevención e a información.

Sobre este aspecto, destacou o traballo das administracións e o esforzo da sociedade civil, das asociacións e dos voluntarios que xogan tamén un papel fundamental. “Tras este punto entra en xogo o diagnóstico e o noso sistema sanitario e os profesionais que o conforman están implicados neste eido, porque sabemos que o éxito no tratamento radica, en gran medida, no diagnóstico da enfermidade nas súas primeiras fases”, engadiu.

Feijóo concluíu destacando o labor da Asociación Española contra o Cancro e recoñecendo que a celebración de actos solidarios coma este “serven para facer unha pausa no camiño, mirar cara a atrás, recordar os pasos que se deron e coller folgos parar chegar un pouco máis lonxe cada día”.