Valora tamén a importancia de campañas como Girl 4President e o traballo de campo como o que fai Plan Internacional, con actividades e proxectos para axudar aos nenos e nenas e ás súas familias en máis de 50 países
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o compromiso da Xunta de impulsar a cooperación facilitando permisos e excedencias para os empregados públicos que participen nestes proxectos, mesmo remunerados se son financiados pola Xunta.
Durante a presentación esta maña da campaña Girl 4President, da ONG Plan Internacional, Feijóo valorou tamén a importancia deste tipo de campañas de concienciación e o traballo de campo como o que fai Plan Internacional, con actividades e proxectos para axudar aos nenos e nenas e ás súas familias en máis de 50 países en vías de desenvolvemento, ao longo de todo o mundo.
Nesta liña, o presidente do Executivo galego garantiu o compromiso da Administración autonómica de seguir colaborando coas ONG, como fai con esta, facéndose eco de iniciativas como a que hoxe se presenta no Parlamento de Galicia ou do Día Internacional da Nena, no que Plan Internacional ten moito que ver. Pero tamén apoiando programas de acción humanitaria, como as iniciativas a prol dos nenos que se levaron a cabo en Sudán do Sur, e onde tivo un grande protagonismo o acceso a unha educación de calidade.
Feijóo agradeceu aos responsables desta organización “por ternos convidado a participar neste acto, para darlle voz a eses 62 millóns de nenas que non van á escola, que padecen abusos de todo tipo e que son vítimas dunha vida sometida”.