Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca o importante labor dos psicólogos e psicólogas na mellora da calidade de vida das persoas


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na inauguración do III Congreso de Psicoloxía Profesional de Galicia, “Camiños da Psicoloxía”

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na inauguración do III Congreso de Psicoloxía Profesional de Galicia, “Camiños da Psicoloxía”, onde destacou o importante labor dos psicólogos e psicólogas na mellora da calidade de vida das persoas.

O vicepresidente explicou que os ámbitos de actuación da psicoloxía son cada vez máis extensos e boa mostra diso é e frutífera relación que mantén o seu departamento co Colexio de Psicoloxía de Galicia, en eidos como a Xustiza, as Emerxencias ou a Igualdade.

Neste sentido, referiuse á colaboración que presta o Colexio na mediación intraxudicial no ámbito da familia, que tan bos resultados está a dar e que se segue a estender por todas as cidades galegas; ou á prestación dun servizo de asistencia pericial nas causas penais.

Rueda tamén lembrou o seu traballo na asistencia ás vítimas de catástrofes, a través do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, GIPCE, que resulta de vital importancia en todo tipo de accidentes, traxedias no mar ou mesmo explosións.

A este respecto, o vicepresidente quixo facer mención especial á actuación destes profesionais tralo accidente de Angrois, onde, na súa opinión, fixeron un impagable traballo atendendo aos familiares e vítimas ante unha traxedia de tamaña magnitude.

O último gran bloque de colaboración entre o Colexio de Psicoloxía de Galicia e a Vicepresidencia da Xunta é na loita contra violencia de xénero, unha preocupación que ambas entidades comparten e na que manteñen unha das cooperacións máis estreitas.

A través de varios convenios coa Secretaría Xeral da Igualdade, o Colexio colabora na atención ás mulleres que sofren violencia de xénero, así como aos homes con problemas de control da violencia no ámbito familiar, nun programa novidoso chamado ‘Abramos o Círculo’

Na inauguración do congreso tamén participaron a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez; a decana da Facultade de Psicoloxía da USC, Socorro Rodríguez; e a concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde do Concello de Santiago, Concepción Fernández.