A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu esta mañá o Pleno do Consello Galego das Mulleres
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu hoxe o Pleno do Consello Galego das Mulleres, onde destacou a relevancia do traballo levado a cabo nas 3 comisións co fin de trazar unha nova senda no camiño a percorrer para erradicar as desigualdades de xénero detectadas e para potenciar unha participación máis activa e igualitaria das mulleres na sociedade.
Os primeiros pasos do Consello, pasaron por concretar as liñas específicas de actuación do organismo que de xeito conxunto e consensuado considerouse de interese para a cidadanía en xeral e as mulleres en particular, constituíndo así 3 comisións de traballo sobre a situación sociolaboral, a discapacidade e a muller rural
A comisión de situación socio-laboral é a encargada de visibilizar a presenza da muller na realidade socio laboral de Galicia, xa que a súa participación no mercado laboral segue sendo inferior á media europea, pero cunha evolución positiva nos últimos anos. Nesta comisión o traballo centrouse en coñecer á realidade da situación socio laboral da muller en Galicia, a través de catro áreas de traballo, tal e como se marcou nos obxectivos, que son o emprego: emprendemento, autoemprego e emprego por conta allea; conciliación e usos do tempo; a fenda dixital de Xénero; e o empoderamento, liderado e postos de responsabilidade. Nesta Comisión, ademáis do eido laboral, apórtanse importantes reflexións en relación á necesidade de conciliación da vida persoal e familiar e aos usos do tempo, nos que a diferenza entre ambos sexos é evidente.
Na Comisión de Discapacidade, estructurouse o traballo en 3 áreas de actuación consideradas prioritarias, que son a educación e acceso á cultura en Igualdade; o traballo e Emprego;e a vida independente e empoderamento. O traballo en prol das mulleres con diversidade funcional supón reflexionar, profundizar e compartir coñecementos e experiencias que permitan acadar a igualdade de oportunidades. As mulleres con diversidade funcional atópanse con máis dificultades para desenvolver a súa autonomía e máis desprotexidas ante situacións de pobreza, illamento e acceso a recursos formativos e informativos o que ten como consecuencia un maior risco de exclusión. Compre eliminar as barreiras non só de accesibilidade física, senón tamén sociais e culturais que aínda persisten na sociedade actual.
O informe elaborado nesta comisión de traballo sobre a situación real das mulleres con diversidade funcional na sociedade actual, constata que as súas necesidades non foron cubertas na súa totalidade e aínda existen prexuízos e atribucións, incluso nas propias mulleres con diversidade funcional, que fan que o avance lexislativo non se corresponda coa consecución e asunción de roles igualitarios dentro da sociedade.
E finalmente, na Comisión Muller Rural, o traballo realizado nesta comisión estructurouse en 4 áreas de actuación consideradas prioritarias, coma a valorazación do medio rural; emprendemento e TIC e mobilidade , ademais de conciliación e corresponsabilidade
O informe elaborado nesta comisión de traballo pon de manifesto que as mulleres no medio rural xogan un papel fundamental, pois levan a cabo función produtivas, sociais, culturais e medioambientais. Son un dos alicerces esenciais no desenvolvemento sostible do medio rural e de contribución á súa valorización.
Acadar o recoñecemento social, económico e institucional que merecen as mulleres do rural é unha prioridade na nosa Comunidade Autónoma, reducindo a fenda de xénero existente no emprego e no emprendemento, promovendo a conciliación e a promoción da incorporación de mulleres nos órganos e postos de decisión e participación rurais. Só así será posible mellorar a calidade de vida das mulleres rurais e potenciar un desenvolvemento sostible e equitativo do noso rural, que non pode ser explicado sen o importante papel que as mulleres galegas levaron a cabo ao longo de séculos de historia.
Consello Galego das Mulleres
O Consello Galego das Mulleres creouse como órgano colexiado e institucional de Galicia, con carácter consultivo, de participación e asesoramento en materia de igualdade que comezou a súa andaina en marzo do ano 2014. O seu cometido é actuar como interlocutor ante a Administración autonómica e ante calquera institución ou entidade de carácter público ou privado, para o desenvolvemento de políticas públicas e medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes.
Contan con representación no Consello Galego das Mulleres todas as consellerías da Xunta, as asociacións e federacións de mulleres, (con 15 representantes que foron elixidas nun proceso aberto, público e democrático), as organizacións empresariais, as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas e a Fegamp.
Así, coa participación das Administracións Públicas, as asociacións de mulleres, as organizacións sindicais e empresariais, traballamos de xeito conxunto para acadar unha igualdade de oportunidades entre mulleres e homes real e efectiva.