PARTICIPARÁN 46 EXEMPLARES TANTO NACIONAIS COMO PROCEDENTES DOUTROS PAÍSES COMO EXIPTO OU XORNDANIA, OS CALES SERÁN PUNTUADOS POR XUÍCES DE LIBIA, SUIZA E ESPAÑA
A 39ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal terá lugar do 9 al 12 de xuño, acollerá o primeiro concurso morfolóxico de cabalos árabes con categoría internacional que se celebra na comunidade galega, o IV Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C.
Serán 46 os exemplares que participen neste concurso, os cales proceden de distintas comunidades españolas, como Galicia, Cantabria, País Vasco, Madrid, Extremadura, Valencia e Andalucía, e tamén doutros países, como Francia, Bélxica, Exipto ou Xordania.
Esta cita, que ten como patrocinador principal á gandería exipcia Albaydaa Stud, terá lugar o sábado día 11 e o domingo día 12 de xuño. Na primeira xornada desenvolveranse as distintas clases do concurso, que inclúen Futurity (poldros que aínda están coas súas nais) e poldras, poldros, eguas e sementais de distintas idades. Xa o domingo celebraranse os campionatos destas clases, dos que sairán o ouro, prata e bronce en cada unha delas.
Ademais entregaranse premios especiais, os cales serán Mellor Puro Egipcia femia e macho, Mellor Puro Spanish femia e macho, Mellor Poldra, Poldro, Egua e Semental nacido en Galicia e exemplar nacido en Galicia coa máis alta puntuación. Así mesmo, recoñecerase a Mellor cabeza , Mellores movementos, Mellor Gandería e Mellor presentador, amateur e profesional. O équido con maior puntuación de todo o Campionato será merecedor do Best in Show.
Os exemplares serán puntuados por tres xuíces internacionais, o libio Said Wafa, a suíza Renata Schibler e a española Cristina Valdés.
Programa ecuestre
Ademais deste importante concurso, a 39ª Abanca Semana Verde de Galicia acollerá outras atractivas actividades centradas nos cabalos. Así, o sábado terá lugar o Concurso Morfolóxico Oficial de Cabalos de Pura Raza Galega e unha demostración de andadura, organizados pola Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga).
Xa o domingo, terá lugar, tamén con esta raza equina galega como protagonista, unha exhibición de doma e unha presentación morfolóxica en pista, de man da Asociación Cabalo Pura Raza Galega. A elas sumarase un partido de horseball.