A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou hoxe esta iniciativa, xunto coa directora de desenvolvemento de convenios de Ecoembes, Silvia Ayerbe, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Ecoembes promoverán a reciclaxe de envases nos albergues do Camiño de Santiago. O proxecto, denominado “Camiño da colaboración. Camiño de reciclaxe”, ten como obxectivo axudar a preservar o contorno natural e paisaxístico desta ruta.
Así o anunciou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, nunha rolda de prensa na que tamén participaron a directora de desenvolvemento de convenios de Ecoembes, Silvia Ayerbe, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Este proxecto comezará de xeito inmediato en máis de 130 albergues pertencentes ao tramo do Camiño Francés que transcorre por esta comunidade autónoma. Segundo explicou Mato, optouse por esta ruta en tanto é a que empregan a maior parte dos peregrinos que chegan a Santiago e, moi especialmente, durante os meses de verán.
Nava Castro puxo en valor o alcance desta medida detallando que en 2015 Galicia rexistrou 262.515 peregrinos, o que supuxo un incremento do 10,31% en relación ao ano 2014 e un máximo histórico fóra dun Ano Santo. Ademais, segundo explicou, este número continúa en aumento posto que no que vai deste ano chegaron selaron xa a súa Compostela máis de 63.000 peregrinos, un 7% máis que no mesmo período de 2015.
Precisamente por esta gran afluencia, xéranse toneladas de residuos que, a través desta iniciativa, preténdense xestionar adecuadamente a través da recollida selectiva e posterior reciclaxe. Para conseguilo, repartiranse un total de 480 contedores azuis e amarelos –unha media de catro por albergue, dous de cada cor-; así como 150 carteis informativos; 150 folletos de guías para os albergueiros; 150 vinilos acreditativos dos albergues colaboradores; e 28.000 kits de peregrinos (tarxetón de benvida, funda portacredencial, lanyard e lanterna).
Previo a este reparto, a partir da próxima semana realizarase unha visita a estes albergues para proporcionarlles formación e entregarlles os materiais informativos preparados. Aquelas instalacións interesadas serán distinguidas como colaboradoras e comprometidas coa reciclaxe tanto na páxina web da Xunta como na páxina de Ecoembes, e recibirán o vinilo acreditativo.
Mato precisou que a campaña prolongarase durante a tempada alta, entre os meses de xuño e setembro. En agosto, realizarase unha segunda visita para repoñer materiais e comprobar a evolución do programa. Posteriormente, en setembro e outubro analizaranse os resultados obtidos.
Para poñer en marcha esta iniciativa, está previsto un orzamento global de máis de 210.000 euros. A conselleira precisou, ademais, que logo de coñecer os resultados do proxecto, o próximo ano valorarase a posibilidade de incluír novas rutas e ámbitos de actuación.
Aposta por unha economía circular
Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor os “pequenos xestos” que están ao alcance de todos e que contribúen ao coidado do medio ambiente e á loita contra o cambio climático, precisamente nunha semana na que se conmemora o Día mundial do medio ambiente, o próximo 5 de xuño. Entres estas accións cotiás, destacou especialmente a relevancia dunha “boa” xestión de residuos e o establecemento dunha economía circular, ambos “factores básicos” para a sostibilidade.
Ao respecto, valorou a “excelente” posibilidade que ofrece o Camiño de Santiago para “estender e consolidar a conciencia ecolóxica e cultura da reciclaxe”, porque é unha ruta “universal” e porque, historicamente, “as máis avanzadas correntes de pensamento, da cultura e das artes circularon a través das rutas xacobeas”.
A directora de Turismo de Galicia engadiu que o Goberno galego ten unha firme aposta para consolidar Galicia como modelo europeo de turismo sostible. Nesta liña, lembrou que a Ruta Xacobea é o produto estrela de Galicia e que conta cun Plan Director do Camiño de Santiago que implica un total de 82 accións, moitas delas dirixidas a acadar un desenvolvemento sostible do Camiño a nivel social, económico e ambiental, como é o caso da iniciativa presentada hoxe.