Friday 22 de November de 2024

A Xunta mantén o seu compromiso na axuda aos concellos afectados polos temporais de principios de ano


Cabe lembrar que a Xunta mostrou o seu total compromiso dende o inicio, habilitando unha partida extraordinaria de axudas por importe de 2 millóns de euros, que configura o terzo do montante total

O director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, o da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o xerente de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, mantiveron unha reunión con representantes das Deputacións, Fegamp e Delegación do Goberno, para tratar a dotación de axudas a concellos afectados polos temporais de principios de ano.

Desde o primeiro momento, a Xunta amosou a súa vontade para colaborar, xunto con outras administracións, no financiamento das actuación precisas para reparar os danos ocasionados polo temporal. O Executivo galego comprometeuse ao pagamento de ata un terzo de montante total de cada actuación.

Na reunión celebrada hoxe, o goberno galego lamenta que unha das Deputación se negue agora a colaborar no financiamento, xa que tanto as Deputacións da Coruña e Ourense amósanse favorables a unha colaboración coordinada en prol dos concellos afectados; a Deputación de Lugo contempla a posibilidade de colaborar cando se produza un cambio nos criterios establecidos para determinar as zonas de actuacións preferentes. E, finalmente, a Deputación de Pontevedra negouse a asumir ningún compromiso nesta materia, a pesar das obrigas legais que lle corresponde na asistencia económica a concellos, especialmente aos de menor tamaño. O goberno galego lamenta que a Deputación de Pontevedra sexa a única que se nega a colaborar no financiamento aos concellos afectados polos temporais de principios de ano

As peticións de axudas dos concellos foron discriminadas con criterios obxectivos, baseados nos datos meteorolóxicos rexistrados. Pediuse a Meteogalicia o cálculo dos períodos de choiva máis intensos en cada concello entre o 25 de decembro de 2015 e o 15 de febreiro de 2016, para ver se chegaran ao que se considera alerta laranxa por fenómeno meteorolóxico adverso, que é un acumulado de 80 l/m2 de choiva en 12 horas.

Para formalizar esta axuda, os concellos tiñan que certificar que se trata de actuacións de reparación ou substitucións de infraestruturas e equipamentos de competencia municipal e que os danos se produciron directamente polo fenómenos meteorolóxicos producidos no período entre o 25 de decembro de 2015 e o 15 de febreiro de 2016.

Así mesmo, os concellos tamén tiñar que certificar que con anterioridade a ese período as infraestruturas e equipamentos estaban en servizo e nun axeitado estado de conservación e que as actuacións que se teñen solicitado se corresponden co imprescindible para recuperar a funcionalidade da infraestrutura.

O pasado 26 de febreiro, o vicepresidente e a conselleira Infraestruturas e Vivenda reuníronse co delegado do Goberno en Galicia e o presidente da Fegamp para abordar por primeira vez os danos ocasionados polos temporais de xaneiro e febreiro deste ano.

Como resultado desa reunión pedíuselle aos concellos afectados que, a través da Fegamp, remitisen a relación das obras máis urxentes que, pola súa inaprazabilidade e carácter urxente, e a falla dos recursos dos concellos afectados, facían imprescindible a axuda doutras administracións. Tras a análise pormenorizada da documentación recibida, concluíuse que un total de 24 concellos galegos rexistraron danos producidos en bens de titularidade municipal por precipitacións de natureza extraordinaria de principios de ano.

En concreto, foron os concellos de A Baña, Boimorto, Boiro, Dodro, Lousame, Mazaricos, Negreira, Outes e Santa Comba, na provincia da Coruña; A Cañiza, Arbo, Caldas de Reis, Cerdedo, Crecente, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, A Lama, Mondariz; Mos, Ponte Caldelas, Ponteareas e Valga, na provincia de Pontevedra; e Avión na de Ourense. Ademais destes concellos, que responden ao criterio de pluviometría, tamén se están avaliando outros por desbordamento de ríos.