Arredor de 700 rapaces daranse cita entre esta fin de semana e a próxima na décima edición da Copa Sálvora no complexo da Fieiteira dentro da programación do Xuño da Cultura e as Artes.
O concelleiro Anxo Orellán e Jesús Manuel Gude en representación da directiva do Sálvora Club de Fútbol explicaron hoxe a mecánica da competición, que dará cabida a un total de 58 equipos pocedentes de todos os recunchos de Galicia.
Así, esta próxima fin de semana xogarán 44 equipos das categorías prebenxamín, benxamín e alevín na modalidade de fútbol 8, en tanto que como novidade outros 14 farán o propio os días 11 e 12 en categoría infantil e baixo a modalidade de fútbol 11.
Tanto Anxo Orellán como José Manuel Gude recalcaron que o obxectivo desta iniciativa é ante todo fomentar os valores do deporte, como o compañeirismo e o xogo limpo.
Verónica Boquete
Segundo afirmou o concelleiro local, é moi probable que a madriña do club, a laureada Verónica Boquete do Bayern de Munich, poida achegarse este sábado ao torneo.
A copa arrancará pasado mañá a partir das 9 horas cunha fase de grupos que se prolongará ata as 22 horas. O domingo os partidos da fase eliminatoria desenvolveranse a partir das 10 horas, estando a entrega de trofeos programada para as 19.30 horas.
A entrada é de 2 euros por un día e de 3 euros por dous. Haberá sorteo de agasallos entre os espectadores.