Friday 22 de November de 2024

Entrega solidaria dunha bicicleta do Clube Ciclista Cambre a un rapaz de Brión


Tamén se lle agasallou cun casco e un equipamento completo

A carballeira da Santa Minia acolleu esta mañá a entrega dunha bicicleta a un rapaz do Concello de Brión por parte do Clube Ciclista Cambre. Neste acto participaron o alcalde de Brión, José Luis García; o presidente de dito clube, Antonio Carrodeguas, e o director directivo, Agustín Ares.

Este agasallo quixéronllo facer dende o club despois de que o mozo acudira á xincana desenvolvida en Brión con motivo da XV Volta Ciclista á Provincia da Coruña. “Cando chegou, falou coa nosa tesoureira, Lisi Paradela, a quen lle dixo que quería participar, pero que non tiña bicicleta porque non se podía permitir mercala…”, relata o presidente do Clube Ciclista Cambre, quen lembra que precisamente Lisi Paradela foi unha das impulsoras desta entrega solidaria. “Emocionounos moito a súa historia e decidimos que non podía quedar sen bicicleta”, afirma Carrodeguas.

O Clube Ciclista Cambre entregoulle unha bicicleta de montaña e mais un equipo completo (casco, maillot e camiseta) da asociación para que poida practicar este deporte que tanto lle gusta.