O Concello de Riveira e a Fundación Humanismo e Democracia (ong H+D) veñen de estreitar os lazos de colaboración iniciados o ano pasado coa sinatura dun convenio marco en virtude do cal os migrantes deste municipio e da comarca do Barbanza en Xeral obterán entre outras accións asesoramento xurídico centralizado nas dependencias de Servizos Sociais.
A tal efecto o alcalde Manuel Ruiz e a presidenta da citada fundación, Dolores Pan, rubricaron o acordo que ten unha duración inicial de dous anos e que implica ademais a realización por parte de H+D, que conta cunha delegación en Santiago de Compostela, de programas de formación no noso concello dirixidos a persoal técnico, voluntariado e poboación en risco de exclusión social.
Atención xeriátrica
De feito, está previsto que a próxima semana dea comezo a iniciativa desta entidade un curso básico de atención xeriátrica no domicilio destinado a persoas desempregadas. Prolongarase do 6 ao 21 de xuño: unha acción moi acaída ao parecer do alcalde dado o correlativo incremento na inversión en dependencia que ten pensado acometer o Concello no orzamento deste ano, o que pode levar aparellado novas oportunidades de emprego.
A Fundación Humanismo e Democracia foi fundada en 1977 e ten como finalidade a erradicación das situacións de pobreza e exclusión social a través do asesoramento técnico especializado e da realización de proxectos dirixidos a persoas en risco de exclusión social, con especial atención ás migracións e ás persoas migrantes.