Friday 22 de November de 2024

As Enocións by Ribeiro xuntaron a moda de María Barros e os viños do Ribeiro na Cidade da Cultura


As adegas GRM, Nairoa, Viña da Cal e Pazo do Mar foron protagonistas do serán, no que participaron máis de 100 asistentes

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu este mércores un serán de moda e viño da man dos viños da Denominación de Orixe Ribeiro e a moda de María Barros.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro retomou o seu proxecto Enocións by Ribeiro, no que se harmonizan distintas disciplinas artísticas coa degustación dos viños que mellor expresan emocións e a esencia de Galicia.

Baixo o título Viño e moda, os asistentes á cita no Museo Centro Gaiás puideron descubrir as creacións da Colección Coupage da deseñadora coruñesa María Barros, maridadas con catro viños da D.O. Ribeiro, e visitar a exposición Con-Fío en Galicia.

A Colección Coupage de María Barros está inspirada no mundo do viño. A deseñadora explicou as súas creacións xunto á xerente da D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá, quen colaborou na elaboración da colección. Esta acción trátase dunha simbiose harmonizada cos viños Adeus, de Bodegas GRM; Alberte, de Bodegas Nairoa; Alter, de Viña da Cal; e Expresión de Pazo do Mar, de Adegas Pazo do Mar.

Baseándose nos diferentes procesos creativos do viño e os seus elementos de produción natural, María Barros preparou unha colección no que o espírito da deseñadora fusiónase co do enólogo para converterse nunha mesma alma. Coa esencia de ambas disciplinas e fundamentado no modo de traballo no coupage, María Barros realizou a súa propia composición de texturas, formas, cores e siluetas para lograr o equilibrio na proporción desexada.

A paleta cromática da colección está formada polas tonalidades terra, florais e cítricas. As siluetas do viño marcan unha liña feminina e romántica, na que tecidos fluídos como a gasa, seda e algodón son os protagonistas.

Pola súa banda, as 300 pezas que forman parte da exposición Con-Fío en Galicia evidencian o percorrido e a importancia deste sector no país. Está composta por 100 looks singulares da moda galega, reinterpretacións contemporáneas de indumentarias históricas, pezas procedentes de coleccións privadas e unha selección de material fotográfico e audiovisual que reflicte momentos clave da súa andaina.

Anteriores sesións de Enocións by Ribeiro contaron coas músicas de Guadi Galego e O Coro da Rá, as fotografías de Xurxo Lobato, a gastronomía de Pepe Solla ou o humor de Carlos Blanco, entre outros atractivos.

Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro
A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Actualmente está conformada por 107 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense. A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.646 hectáreas de vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.800 viticultores. A D.O. Ribeiro produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX. A produción da colleita 2015 na Denominación de Orixe foi de 14,3 millóns de quilos de uva. O 90% da produción total é viño branco e o 10%, viño tinto.