Os socialistas sacaron adiante unha moción, a pesar do voto en contra do PP, que obriga ao alcalde a publicar mensualmente na páxina web do Concello todos os contratos menores que se asinen
O PSOE de Ordes votou en contra da proposta de Orzamentos presentada polo alcalde polos importantes recortes que inclúen en materia de comercio, turismo e pemes (case un 33%) e medio ambiente (un 25%). A voceira municipal socialista, Verónica Gómez, explicou que “en Ordes hai case un milleiro de persoas desempregadas e o comercio local, así como as pequenas e medianas empresas, son a principal fonte de ingresos para gran parte da veciñanza, polo que consideramos que apoialos é fundamental, tal e como fixemos os socialistas cando puxemos en marcha a campaña Merca en Ordes”.
Gómez tamén criticou a forte reducción da partida de Medio Ambiente, que sufríu un recorte do 25%, e que as achegas comprometidas polo Grupo de Goberno en materia de Servizos Sociais non chega ás peticións realizadas polo grupo municipal socialista, xa que por primeira vez nos últimos anos non se incrementan ao mesmo ritmo que en Orzamentos anteriores.
Maior transparencia
Na quenda de mocións, os socialistas sacaron adiante unha proposta que obriga ao Goberno Local a publicar mensualmente na web municipal a adxudicación de todos os contratos menores que asina, con independencia da súa cuantía e do procedemento de adxudicación. Un acordo que saíu adiante a pesar do voto en contra do Partido Popular, que pedíu a retirada da moción argumentando que tiñan previsto publicar as Xuntas de Goberno Local. Finalmente, a moción saíu adiante grazas aos votos a favor de PSOE, BNG e UXO, fronte ao voto en contra do PP.
Verónica Gómez lamentou que o PP non se sumase a esta iniciativa “en aras a mellorar a transparencia no noso concello e, sobre todo, cando na Deputación da Coruña aprobouse unha proposta case idéntica presentada pola Marea Atlántica e que si foi apoiada polo Partido Popular”.
Os socialistas ordenses retiraron as outras dúas mocións presentadas. A primeira, na que pedían a ampliación do prazo de alegacións do PXOM, porque o Grupo de Goberno se escudou en que o prazo vencera un día antes do pleno. “É unha mágoa que o alcalde non quiera ampliar o prazo un mes máis, tal e como permite a lei e dado o alto nivel de alegacións, pois iso permitiría tamén completar as charlas polas parroquias co equipo redactor, posto que soamente se fixeron charlas en Santa Cruz, Ordes e Mesón do Vento”, lamentou Verónica Gómez.
Finalmente, os socialistas aceptaron trasladar o debate sobre o cambio de titularidade de varias estradas que pertencen á Deputación á Comisión do próximo Pleno. Os socialistas piden que a Rúa do Recreo, a Rúa Rosalía de Castro e a estrada que vai dende a Ponte do río Cabrón ata a estrada AC-524 (Ordes-Pontecarreira) pasen a ser titularidade do Concello, para así poder axilizar calquera trámite nas mesmas. Os técnicos municipais proporán que outras rúas, actualmente municipais, deberían ser asumidas pola entidade provincial.