Saturday 16 de November de 2024

Feijóo salienta o aumento do 25% no número de obradoiros de emprego que financia a Xunta, que pasan de 80 a 100 e beneficiarán a 1.920 persoas


Anuncia tamén a posta en marcha de 28 lanzadeiras de emprego, orientadas a 1.680 persoas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o aumento nun 25% o número de obradoiros de emprego autonómicos, que pasan de 80 a 100. Esta iniciativa, xunto coas 28 lanzadeiras de emprego que se porán en marcha, axudarán a que 3.600 persoas desempregadas obteñan oportunidades laborais.

“Aumentamos a dotación orzamentaria destes dous programas, de 17 millóns de euros a 21 millóns”, dixo o presidente. Deste modo, poderán beneficiarse dos obradoiros de emprego 1.920 persoas, en lugar das 1.300 que se prevían inicialmente. O 20% das súas prazas están reservadas para os beneficiarios da Risga.

Estes obradoiros durarán seis meses, durante os cales a Xunta financiará o soldo dos participantes e a súa contribución á Seguridade Social, así como o dos docentes e o dos administrativos que xestionen o proxecto. Pola súa banda, os concellos encargaranse da organización directa dos cursos, a selección dos profesionais que os levarán a cabo e a relación cos participantes. Isto pon de relevancia, tal e como subliñou o presidente, “a importancia da colaboración entre institucións”.

No tocante as lanzadeiras de emprego —os antigos programas integrados—, Feijóo afirmou que contarán un orzamento de preto de 3 millóns de euros e beneficiarán a 1.680 persoas. Son programas moi prácticos que tamén contarán cun programa específico para beneficiarios da Risga. Neles subvencionarase 3.000 euros por participante, en lugar dos 2.400 euros dos programas ordinarios.

Estas medidas, xunto co programa de formación profesional orientado á Industria 4.0 e as preto de 700 accións formativas que se lanzaron nas últimas semanas —que beneficiarán, en conxunto, a uns 11.000 galegos desocupados—, reforzan a aposta da Xunta por obter “bos datos no eido do emprego”, coma os deste mes de maio.