Friday 22 de November de 2024

A Xunta destina preto de 20 millóns para dar un novo impulso ás concentracións parcelarias, diversificar as oportunidades no rural e para mellorar as infraestruturas portuarias


Feijóo destaca que nos próximos meses se inxectará unha achega de 4,2 millóns para pechar as concentracións xa moi avanzadas e para decretar novas zonas de reestruturación

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Xunta destinará preto de 20 millóns de euros derivados dos recursos adicionais do cumprimento do déficit para, no rural, mellorar a base territorial das explotacións, contribuír a diversificar as oportunidades e responder a diversas necesidades conxunturais, así como, no eido da pesca, mellorar as infraestruturas portuarias.

Máis polo miúdo, Feijóo destacou que nos próximos meses se inxectará unha achega de 4,2 millóns de euros para pechar as concentracións xa moi avanzadas e para decretar novas zonas de reestruturación.

Nesta liña, levaranse a cabo varias obras que permitan poñer á disposición dos propietarios as fincas afectadas por distintos procesos de concentración parcelaria, e que facilitarán o acceso a fincas ou a mellora das comunicacións en máis de 36.000 hectáreas, beneficiando en total máis de 25.000 familias. “E, tamén decidimos iniciar os traballos en novas zonas de reestruturación parcelaria, actuando en máis de 8.700 hectáreas, que beneficiarán máis de 3.300 propietarios”, engadiu.
No eido das infraestruturas, o titular da Xunta precisou que a Administración autonómica destinará 4,5 millóns de euros para poñer a punto numerosas infraestruturas nun total de 25 concellos. E, co obxectivo de diversificar as posibilidades no agro, destinarase unha liña de 2,6 millóns de euros para plantar no rural galego preto dun millón de castiñeiros, en case 1.000 hectáreas e beneficiando case 700 familias.

En relación ao sector lácteo, o titular da Xunta avanzou a aprobación dunha liña de axudas directas aos titulares das explotacións que teñan dificultades financeiras derivadas da súa actividade. “Estamos a falar dunha achega de 3 millóns de euros para axudar a aquelas granxas que teñan dificultades derivadas dun préstamo vinculado á explotación: que tivera que ser refinanciado, que tivera ampliado o prazo de pago ou o período de carencia, que tivera unha resolución xudicial de execución de hipoteca e que tivera débedas con provedores”, explicou.

Co fin de minorar os danos de determinadas especies animais –especialmente o xabaril e o lobo- sobre os cultivos agrícolas, destinaranse ademais 2 millóns de euros a distintos labores de prevención e de axudas aos afectados.

E, no tocante ao sector pesqueiro, Feijóo adiantou que a Xunta destinará unha achega de 3 millóns de euros co obxectivo de acometer de xeito inmediato obras de mellora en pantaláns e de mellora da seguridade dos portos.

“En definitiva, con esta partida de preto de 20 millóns de euros adquirimos un compromiso adicional co sector primario, destinando recursos para que case 30.000 propietarios poidan ter ordenadas máis de 44.000 hectáreas en concentracións parcelarias; para mellorar infraestruturas rurais en 25 concellos; para axudar a que preto de 700 familias fagan plantacións de case 1 millón de castiñeiros; para dar apoio aos afectados polos danos que ocasionan o xabaril e o lobo; para que as explotacións lácteas con créditos pendentes poidan dispoñer de axudas directas; e para levar a cabo infraestruturas portuarias”, aseverou.

Feijóo concluíu afirmando que “este último paquete pecha o reparto inicial dos fondos adicionais que comprometemos pero que non esgotamos na súa totalidade, co afán de poder dispoñer dun colchón de recursos que permita reforzar, se fose necesario, tanto as medidas postas en marcha, como outras que xa estaban incluídas nos orzamentos e posibles continxencias de futuro”.