Saturday 16 de November de 2024

A Fundación Semana Verde e Vegalsa-Eroski colaborarán na promoción dos produtos galegos a través do certame alimentario Salimat Abanca



ESTE SALÓN CELEBRARÁ O SEU VINTE ANIVERSARIO COMO ESPAZO DE NEGOCIO E CONVERXENCIA SECTORIAL DO 9 AO 12 DE XUÑO

Silleda, 2 de xuño de 2016.- A directora de Relacións Institucionais e RSC de Vegalsa-Eroski, Gabriela González, e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, asinaron esta mañá un acordo de colaboración entre ambas entidades.

O convenio, que foi rubricado nas instalacións do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, ten por obxectivo promover a vinculación da empresa alimentaria cos produtos galegos e dar a coñecer o valor engadido que a súa actividade produce ao sector agroalimentario.

Gabriela González sinalou que a aposta que as grandes empresas galegas fan por Salimat Abanca contribúe a convertela non só na gran feira do sector alimentario galego senón tamén nun motor económico para a Comunidade. A súa vez reseñou a importancia de contar cunha feira que sirva ás empresas alimentarias de plataforma de promoción dos seus produtos podendo, de primeira man, dalos a coñecer e testar o seu interese entre os consumidores.

En canto a Ricardo Durán, destacou o compromiso de Vegalsa-Eroski cos produtos galegos de calidade, como demostra a firma anual con AGACA dun contrato que supón a adquisición de máis dun millón de quilos de produtos hortícolas de cooperativas galegas, a gran riqueza que xera no campo galego, e a súa gran implantación en Galicia, ademais de subliñar o seu continuo apoio a Salimat Abanca dende fai máis de 12 anos, que con este convenio non fai senón fortalecer.

En virtude deste convenio e durante a súa vixencia, Vegalsa-Eroski participará no salón de alimentación Salimat Abanca, que nesta edición se celebra do 9 ao 12 de xuño, cunha superficie mínima de 64 metros cadrados, ademais de acudir aos seus Encontros de Compradores, os cales contan nesta convocatoria con vinte e sete importadores e distribuidores de seis países. Ademais, levará a cabo xestións cos seus provedores a fin de lograr a súa posible participación no salón.

Así mesmo, Vegalsa-Eroski promocionará a súa participación nesta feira e levará a cabo unha campaña de difusión do certame Abanca Semana Verde de Galicia a través da distribución de flyers, cunha primeira entrega de 135.000 exemplares que xa están distribuídos nos seus 261 supermercados de Galicia, e colocación de roll-ups nos seus establecementos máis importantes, ademais da súa difusión a través de redes socias e doutros soportes.

Pola súa banda, a Fundación Semana Verde facilitará a Vegals-Eroski unha zona preferente na área expositiva de Salimat Abanca para instalar o seu stand e unha zona exterior para outros usos, así como condicións económicas preferentes. A Fundación tamén programará nos Encontros de Compradores diversas reunións de traballo entre potenciais provedores e representantes de Vegalsa-Eroski, ademais de difundir a participación e colaboración da empresa no salón e da cesión de espazos no recinto para a colocación de varias banderolas publicitarias.