Entre hoxe e o día 5 de xuño, Turismo de Galicia manterá 20 citas cos operadores turísticos especializados en turismo de reunións máis importantes de Europa
Turismo de Galicia continúa co programa anual para a promoción da oferta de turismo de negocios da Comunidade galega ao longo de 2016 coa participación no workshop ConfecBlue que comeza hoxe no Algarve (Portugal) e que rematará o vindeiro domingo.
Deste xeito, durante catro días, representantes do departamento de promoción turística da Xunta de Galicia manterán 20 xuntanzas de traballo con outros tantos operadores turísticos especializados ao obxecto de difundir e apoiar a comercialización dos recursos galegos relacionados cos congresos, as convencións e as reunións de empresa.
O evento ConfecBlue 2016 reunirá aos principais axentes europeos especializados na compra de viaxes relacionados co turismo de negocios aos que Turismo de Galicia presentará as posibilidades que ofrece a Comunidade galega nesta modalidade turística.
Promoción do turismo de negocios
No eido da promoción dos congresos, viaxes de incentivo e convencións, Turismo de Galicia ten previsto participar nos 11 eventos máis destacados que se celebrarán en Europa en 2016 e que están relacionados cos principais mercados internacionais.
Así, ademais de ConfecBlue, o departamento de Turismo da Xunta, estivo presente no workshop Meeting & Summit Incentive, destinado á comercialización do turismo de negocios entre os operadores internacionais e no workshop ConfecRed, no que participaron os axentes británicos máis importantes deste sector, celebrados nos meses de febreiro e marzo, respectivamente.
Tamén en marzo, entre os días 22 e 23, Turismo de Galicia participou no Salon Réunir de París, co fin de promover a organización de congresos na Comunidade galega entre os operadores turísticos franceses.
Ademais, a Xunta de Galicia estivo na feira IMEX de Fráncfort entre os días 19 e 21 de abril para difundir entre os operadores turísticos europeos os valores do turismo de negocios galego.
Por outra parte, este mes de xuño asistirá en Madrid ao certame M & I Forum Europa, que se celebrará do 28 de xuño ao 2 de xullo, así como á feira The Meeting Space Autum, en Grecia, entre os días 29 de setembro e 10 de outubro.
Así mesmo, Turismo de Galicia acudirá un ano máis ao evento TTG Incontri, que terá lugar en Rímini (Italia) ao longo dos días 13 e 15 de outubro para promover o turismo de negocios galego no mercado italiano, e participará na feira IBTM World de Barcelona, entre os días 29 de novembro e 1 de decembro.
Por último, neste ano 2016, o departamento de promoción turística da Xunta de Galicia estará presente no Salon ILTM de Cannes (Francia) que se celebrará no mes de decembro.