Friday 22 de November de 2024

A EGAP aborda nunha xornada as novidades e os retos pendentes no ámbito da xustiza


A directora da Escola destacou a necesidade de modernizar a xustiza, incidindo no fomento dos medios e comunicacións electrónicas para lograr que sexan a forma habitual de actuar dentro desta Administración

A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, inauguraron esta mañá en Santiago de Compostela a xornada A xustiza en tempos de incerteza: novidades e retos pendentes. Ao acto tamén asistiu a subsecretaria de Justicia, Áurea Roldán.

Durante a inauguración, a directora da EGAP sinalou os numerosos cambios introducidos pola lexislación nos últimos meses neste ámbito, os cales derivaron en importantes medidas estruturais e de organización para dar resposta aos problemas detectados no sistema xudicial español. Así, destacou o traballo levado a cabo para reducir os tempos de resposta mediante a especialización dos órganos xudiciais, o equilibrio das cargas de traballo ou a adscrición dun ou varios xuíces para realizar labores de colaboración, asistencia e asesoramento nas causas penais complexas.

Por outra banda, Sonia Rodríguez-Campos incidiu na necesidade imperante de modernizar a xustiza a través do fomento dos medios e comunicacións electrónicas, para lograr que sexan a forma habitual de actuar dentro desta Administración.

A directora da Escola finalizou a súa intervención lembrando que a xustiza aínda conta con retos pendentes, aos cales se lles deberá dar solución para seguir traballando na garantía do respecto aos dereitos fundamentais e contribuír ao reforzamento da seguridade xurídica e á redución da litixiosidade, mediante un alto grao de eficiencia e axilidade.

De seguido, Juan José Martín afondou nas reformas establecidas nos últimos anos, destacando a participación da Comunidade Autónoma de Galicia no equipo ministerial encargado do ambicioso programa de reforma lexislativa e xudicial que se está levando a cabo ao longo desta derradeira lexislatura.

Nesta liña, o director xeral de Xustiza fixo fincapé nas reformas xa implantadas, como foi a modificación do Rexistro Civil, mediante a incorporación dos medios telemáticos; a aprobación da recente Lei da xurisdición voluntaria ou o establecemento de xulgados específicos en materia de violencia de xénero. Sen embargo, resaltou que aínda quedan “cousas no tinteiro para as que se precisa de consenso e de tempos lexislativos” en ámbitos como a especialización do Dereito da familia, a reforma orgánica da organización xudicial -aínda pendente- ou nos aspectos relacionados coa planta xudicial e coa colexiación dos órganos institucionais.

A inauguración da xornada finalizou coa intervención de Áurea Roldán que sinalou as reformas no ámbito penal, tanto procesual como substantivo, levadas a cabo en torno á axilización dos procedementos dos delitos penais, ao fortalecemento dos dereitos das partes, á cristalización das medidas de investigación tecnolóxica e á loita contra a corrupción, especialmente a través da figura do comiso. Para rematar, a subsecretaria de Justicia abordou os tres grandes retos pendentes para mellorar o servizo público no ámbito xudicial: a aprobación imprescindible dunha nova Lei de axuizamento criminal acompañada doutras modificacións lexislativas, a modernización do Dereito de obrigas e contratos e a modernización do Rexistro Civil.