O campus, que terá lugar do 6 ao 31 de xullo, inclúe visitas a Balaídos, ao aquapark, piscina, sendeirismo e a práctica doutros deportes
A Fundación Celta de Vigo e a Escola Deportiva Xuventude Oroso, en colaboración co Concello de Oroso, celebrarán do 6 ao 31 de xullo a quinta edición do seu campus de fútbol, dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos de toda a provincia. Unha edición que foi presentada esta mañá polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e polo director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta Torres; que estiveron acompañados polo concelleiro de Deportes de Oroso, Luís Rey Villaverde; e polo presidente da ED Xuventude Oroso, José Ferro Calvo.
Manuel Mirás asegurou que “para nós este campus é un plus, pois estamos cun club que quedou sexto na Liga, froito dun traballo ben feito, e nós con este campus podemos aproveitarnos dese bo traballo”. Mirás amosou o seu orgullo por “cada vez que vexo que nenos das Escolas Deportivas van adestrar co celta ou a xogar algún torneo, ou incluso ver xogadores que están a piques de debutar na Primeira División”, polo que agradeceu o traballo levado a cabo nos últimos once anos pola directiva da ED Xuventude Oroso.
Un punto no que incidiu Luís Rey, quen lembrou que “hai once anos, cando puxemos en marcha todo isto, nunca pensamos estar tan arriba. E falo non só a nivel de títulos e equipos, senón tamén do número de nenos que temos practicando deporte. E cada ano imos a máis”. Pola súa banda, José Ferro agradeceu a colaboración do Concello de Oroso e advertiu que “aínda non tocamos teito”. Proba diso é este campus, que “cada ano vai crecendo e iso é síntoma de que as cousas vanse facendo ben”.
Finalmente, Germán Arteta, explicou que os nenos e nenas que participen no Campus de Verán de Oroso vivirán como se estiveran baixo unha concentración dun equipo de fútbol, baixo o mesmo sistema de traballo que se emprega nas categorías inferiores do Celta de Vigo. Neste sentido, indicou que “o obxectivo é que os participantes no campus aprendan, melloren e desfruten”, pois “non só apostamos pola formación deportiva, senón tamén por mellorar a formación en valores como o esforzo, a integración, a solidariedade, o sacrificio… todo o que conleva traballar en equipo”.
Visitas a Balaídos e A Madroa
O Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo en Oroso terá unha duración de 4 semanas, entre o 6 e o 31 de xullo. As familias terán a posibilidade de matricular aos cativos por semanas soltas e de elixir entre dúas modalidades: matinal (de 10:00 a 14:00 horas) ou completa (de 10:00 a 18:00 horas). Durante as mañás, os rapaces vivirán concentrados coma nun equipo de fútbol, mentres que pola tarde haberá distintas actividades de ocio: multideporte, piscina, pádel, squash, charlas e proxeccións, rutas de sendeirismo, aquapark e unha visita ás instalacións do Celta de Vigo na Madroa e un tour polo estadio de Balaídos.
O campus está aberto a todos os nenos de entre 4 e 16 anos que o desexen, se ben os empadroados en Oroso ou que formen parte da ED Xuventude Oroso teñen dereito a unha rebaixa de 20 euros sobre a tarifa oficial. Unha tarifa que é de 120 euros (matinal) ou 170 euros (completa sen xantar) e 190 euros (completa con xantar). Se a inscrición é por dúas semanas, os prezos son de 160 euros, 210 euros e 250 euros, respectivamente. Se a anotación é por tres semanas, as cotas de inscrición son de 190 euros (matinal), 240 euros (completa sen xantar) e 300 euros (completa con xantar). Por último, o custe polas catro semanas é de 220 euros, 270 euros e 350 euros, respectivamente. Haberá descontos por un segundo irmán e a inscrición inclúe unha equipación Adidas da Fundación Celta de Vigo.
As follas de inscrición poden recollerse no Centro Deportivo de Sigüeiro ou a través da ED Xuventude Oroso (www.xuventudeoroso.com). O prazo de inscrición remata o 1 de xullo.