Saturday 16 de November de 2024

O paintball, actividade estrela do “Venres en Sansa” desta semana


O programa de lecer nocturno para a mocidade “Venres en Sansa” continúa a súa andaina propoñendo esta semana cinco obradoiros nos que poderá participar a xente nova cunha idade comprendida entre os 12 e os 35 anos. A oferta componse de cociña, educación canina, kickboxing, robótica e paintball, que se desenvolverán en distintos puntos do centro urbano. Nalgunhas delas hai prazas dispoñibles, mentres que outras están a piques de completarse e hai unha, o paintball, que xa ten cuberto o seu cupo desde hai varios días. Para participar nestes obradoiros gratuítos hai que entregar cuberta na Casa da Cultura a ficha de inscrición. Por outra banda tamén cómpre lembrar que este sábado terá lugar na praia de Pantín unha nova edición da xornada de iniciación ao surf “1ª Onda”, aberta a maiores de 7 anos que saiban nadar. O prazo para apuntarse na actividade, que ten un custe de 10 euros, finaliza o venres ás 14.00h.

O terceiro “Venres en Sansa” é un dos que programa actividades máis diversas. Ás 20 horas a Casa da Xuventude acollerá dous obradoiros nun, un sobre Minecraft e outro sobre programación robótica. Para esta actividade aínda hai dispoñibles 14 prazas e cumprirá levar ordenador portátil.

Onde se pecharon inscricións foi no paintball, para o que hai 36 persoas apuntadas. A proposta espertou tal interese que xa na primeira semana do programa tiña cuberto o seu cupo e unha longa lista de agarda, o que levou ao Concello a ampliar o número de prazas que se distribuirán en dúas quendas: unha de 20 a 21 horas e outra de 21 a 22.

Na segunda parte da noite a actividade trasládase ao contorno do colexio público con tres obradoiros. O primeiro, das 21.00h. e as 23.00h., terá lugar no ximnasio do CPI e abordará a iniciación ao kickboxing e a defensa persoal. Para esta proposta quedan aínda 7 prazas dispoñibles. Preto de alí, no patio cuberto do colexio, levarase a cabo entre as 23.15h. e a 01.00h. a terceira clase de educación canina para a que só quedan 2 vacantes. En paralelo desenvolverase o segundo obradoiro de cociña creativa cunha oferta de 20 prazas das que xa se cubriron máis da metade.

Simultaneamente desenvolverase unha sesión de paintball -lugar por concretar- na que poderán participar ata 19 mozos e mozas entre 14 e 35 anos. Neste caso o remate está previsto para as 22.00h. Por outra banda, o ximnasio do CPI será escenario dunha clase de kickboxing e defensa persoal con 14 prazas dispoñibles. Preto de alí, no pavillón municipal -e co mesmo horario-, teremos de novo un obradoiro de educación canina para oito persoas acompañadas do seu animal. A segunda parte da noite, das 23.15 á 1 da mañá, o patio cuberto do colexio converterase nunha grande cociña na que aprender a facer pratos creativos que despois poderán degustar tanto as persoas participantes no obradoiro -máximo 20- como o resto de inscritas nas outras actividades .

Pódese obter máis información sobre este programa pasando pola Casa da Cultura, onde será necesario entregar a folla de inscrición. Tamén se pode chamar ao 981 490 027 (ext.3) para obter máis datos.

1ª Onda
Quen quede con forzas e ánimos tras unha intensa noite de venres, pode estrearse no mundo de surf da man da xornada “1ª Onda”, organizada pola Concellaría de Deportes e pola escola Pantín Surf Camp. Vai dirixida a calquera persoa maior de 7 anos que saiba nadar e ofértanse 40 prazas. É necesario apuntarse antes das 14.00h. do venres pasando pola Casa da Cultura ou enviándolle un correo ao técnico deste departamento: agustin.perez@sansadurnino.gal. O prezo da actividade son 10 €.

O punto de encontro é no aparcadoiro da caseta dos socorristas de Pantín, a onde as persoas apuntadas deberán ir o sábado pola súa conta. Sobre as 10.15h. farase unha presentación da actividade e realizaranse exercicios de quecemento antes de entrar na auga. Ademais, os monitores da Pantin Surf Camp ofrecerán unhas sinxelas nocións teóricas e de seguridade para que todo o mundo poida gozar da táboa o antes posible. A organización pon o material necesario, incluído un traxe de neopreno para cada asistente e táboas de iniciación coas que comezar a coller ondas xa desde o primeiro momento. As persoas inscritas só deberán levar bañador, unha toalla e roupa para cambiarse ao remate da actividade.