Co “Cabaré Lilí Berlín” pecha este venres o ciclo “Música con Retranca” no Museo do Humor de Fene
Este venres, 3 de xuño, preséntase no Museo do Humor de Fene o cabaré musical “Lilí Berlín”, con Blanca Cendán e Suso Alonso sobre o escenario. “Lilí Berlín” é un espectáculo cheo de crítica social e política que ten como fío conductor diversas melodías de compositores coma Kurt Weill, Friedrich Höllander, Scott Joplin, John Kander, Norbert Schultze e Kraftwerk entre outros.
Malia que todas as sesión do ciclo “Música con retranca” desenvolvéronse no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22) ás 20 horas, esta última función será ás 20.30 horas. Coma sempre, as entradas serán de balde aínda que, para asistir ao espectáculo será preciso recoller invitación/s (2 por persoa) o mesmo venres na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas. Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo estará limitado a 120 persoas. Espectáculo para público adulto.
O ciclo Música con Retranca comezou o pasado 18 de maio no Museo do Humor de Fene, coincidindo coa conmemoración nesa data do Día dos Museos. O programa, organizado pola Concellería de Cultura e Ensino de Fene coa colaboración da Agadic- Xunta de Galicia (Cultura no Camiño) incluiu catro espectáculos nos que se mesturaba a música e o humor (“De Vacas”, “Aldaolado”, “Os da ría” e, esta semana,“Lilí Berlín”).