Friday 22 de November de 2024

Feijóo refírese á aposta por conxugar o respecto ao medio ambiente e a calidade na atención ao turista como a chave para bater récords de visitantes


Asegura que esta aposta é unha parte irrenunciable da marca Galicia, o que fixo posible que en 2015 a Comunidade acadase o seu máximo histórico de viaxeiros aloxados en establecementos regrados, liderando o crecemento a nivel estatal

O titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe, durante o acto de entrega de Bandeiras Azuis 2016, á aposta por conxugar o respecto ao medio ambiente e a calidade na atención ao turista como a chave para bater récords de visitantes.

Feijóo asegurou que esta aposta é unha parte irrenunciable da marca Galicia, o que fixo posible que en 2015 a Comunidade acadase o seu máximo histórico de viaxeiros aloxados en establecementos regrados, liderando o crecemento a nivel estatal, cun 12% máis de viaxeiros ca o ano anterior.

Así mesmo, destacou os datos do turismo regrado no primeiro cuadrimestre deste ano, no que a Comunidade superou os 920.000 viaxeiros, un 8,2% máis que no mesmo período de 2015.

O titular da Xunta subliñou tamén que avogar pola calidade no servizo permite a Galicia, ademais de liderar a clasificación española de bandeiras azuis, manter a segunda posición no seu equivalente en establecementos hostaleiros: as Q de calidade.

Logo de lembrar que as bandeiras azuis levan tres décadas demostrando que é posible conxugar a atención ao visitantes co respecto ao medio ambiente, Feijóo precisou que a nosa Comunidade volve ser líder a nivel español en bandeiras con 141, das cales 123 corresponden ás nosas praias e 18 aos nosos portos. “E, este ano sumáronse a esta prestixiosa lista seis novas praias: A Ladeira, en Baiona; O Con, en Moaña; Paxariñas, en Sanxenxo; Naval, en Oleiros; Arealonga, en Barreiros; e Pampillosa, en Foz”, abundou.

Feijóo concluíu incidindo en que liderar a clasificación mundial de bandeiras azuis é o premio por apostar por uns portos e praias de máxima calidade, respectuosas co medio ambiente, públicas e gratuítas, accesibles e seguras. “Da máxima calidade porque as súas augas, areas e os servizos que ofrecen sométense de xeito periódico a rigorosos controis; respectuosas co medio ambiente porque cumpren todas as normativas a nivel autonómico, español e europeo; accesibles porque derrubamos todas as barreiras arquitectónicas; e seguras porque contan cun servizo profesional de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios”, explicou.